logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
CITENI UDC 21 de Setembro de 2026

O CITENI e o Campus Industrial de Ferrol abren as súas portas á cidadanía na G-Night 2026

O CITENI e o Campus Industrial de Ferrol abren as súas portas á cidadanía na G-Night 2026

O Campus Industrial de Ferrol converterase o vindeiro 25 de setembro nun punto de encontro coa ciencia con motivo da G-Night 2026. O CITENI abrirá os seus laboratorios e espazos a centros educativos e público xeral cun programa de dez actividades prácticas arredor da enxeñaría, os materiais, a enerxía, a robótica, as matemáticas e a física

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) participará na G-Night 2026, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, que terá lugar o vindeiro 25 de setembro. Esta iniciativa de divulgación científica busca achegar a investigación á cidadanía e favorecer o contacto directo entre o público e as persoas investigadoras. No Campus Industrial de Ferrol, o CITENI desenvolverá dez actividades con propostas prácticas sobre diferentes ámbitos da ciencia e a enxeñaría.

A programación permitirá descubrir diferentes áreas da investigación que aquí se desenvolve, que abrangue eidos desde a enxeñaría e os materiais ata a enerxía, a robótica, as matemáticas e a física. A proposta contará tamén coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e da Asociación Española Contra o Cancro.

Dez propostas para experimentar coa ciencia

As actividades combinan demostracións, experimentos e retos prácticos para achegar conceptos científicos a diferentes públicos:

      • Luminis·Ciencia: como iluminar o cancro para estudalo. Coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro, esta actividade amosa como poden empregarse proteínas que emiten luz para marcar células e estudar a actividade das células tumorais.
      • Conecta o océano, a enerxía do futuro. Unha proposta arredor das posibilidades enerxéticas do océano, con pequenos retos de enxeñaría nos que se poderán construír aeroxeradores e paneis solares con pezas de Lego.
      • Plásticos que desaparecen, xogando coa ciencia dos biopolímeros. Un achegamento aos plásticos biodegradables para coñecer como se producen, por que se degradan e que factores inflúen no seu proceso de degradación.
      • Do ser humano á máquina, enredando coa enxeñaría mecánica. Un percorrido pola relación entre o funcionamento do corpo humano e o das máquinas, desde os motores dos vehículos ata os mecanismos que reproducen o movemento dos músculos.
      • A mecánica de fluídos na cociña. A física dos fluídos sae do laboratorio para explicar fenómenos presentes na cociña, como a mestura, o quecemento ou o comportamento dos líquidos.
      • Robótica intelixente. Coa colaboración do CITIC, a actividade permitirá coñecer como os sensores e a intelixencia artificial fan posible que os robots perciban o seu contorno, tomen decisións e adapten o seu comportamento.
      • Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade. Unha cámara de néboa permitirá observar as trazas deixadas por partículas procedentes da radiación, xunto con experiencias sobre levitación magnética e supercondutividade.
      • Matemáticas na GNight. Coa colaboración do CITMAga, diferentes materiais manipulables servirán para descubrir como as matemáticas permiten representar e resolver problemas e como se poden construír superficies curvas a partir de liñas rectas.
      • Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D. Unha introdución á fabricación aditiva e aos novos materiais poliméricos destinados á impresión 3D, con demostracións de diferentes tecnoloxías e aplicacións.
      • Canto sabes de deseño de buques? Unha actividade práctica para entender por que flotan os barcos, como se distribúe a carga e que factores se teñen en conta no deseño dunha embarcación.

Pola mañá, centros educativos; pola tarde, público xeral

A programación da mañá estará destinada aos centros educativos participantes. Pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas, nove das dez propostas estarán abertas ao público xeral, con 530 prazas distribuídas en diferentes sesións.

Os obradoiros terán unha duración aproximada de 20 minutos e desenvolveranse en distintos laboratorios e espazos do CITENI e do edificio de Talleres Tecnolóxicos do Campus Industrial de Ferrol. As persoas asistentes poderán asistir a máis dunha actividade, sempre que haxa prazas dispoñibles.

A participación é gratuíta e require inscrición previa para as actividades da tarde a través da plataforma habilitada, co enderezo https://citeni_udc.eventbrite.com.

A programación vinculada ao CITENI completarase tamén cunha proposta do grupo de investigación Enxeñaría Enerxética (INGEN) na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC, baixo o título «ROVs, simuladores e máis: visita á ETS de Náutica e Máquinas!», que permitirá coñecer de preto diferentes tecnoloxías aplicadas ao ámbito naval.

Unha iniciativa galega con dimensión europea

A G-Night é a versión galega da European Researchers’ Night, unha das principais iniciativas europeas de divulgación científica, integrada nas accións Marie Skłodowska-Curie (MSCA) da Unión Europea. A cita ten lugar cada ano o último venres de setembro e promove o encontro directo entre a cidadanía e as persoas investigadoras a través de experimentos, obradoiros, demostracións e outras propostas participativas. En 2026, a European Researchers’ Night realizarase simultaneamente en 40 países, con máis dun millón de persoas participantes previstas.

En Galicia, a G-Night está coordinada pola Universidade de Vigo e conta coa participación das tres universidades públicas galegas –acompáñana a UDC e a Universidade de Santiago de Compostela–, xunto con centros e institutos de investigación e outras entidades. A edición deste ano reunirá máis de 150 actividades e máis de 500 persoas investigadoras en diferentes localidades galegas.

Pola súa banda, a UDC desenvolverá máis de 40 actividades nos campus da Coruña e Ferrol, alén de noutros espazos das dúas cidades, con propostas dirixidas a públicos diversos e vinculadas a diferentes ámbitos do coñecemento. Baixo o lema «Conciencias creativas», a sexta edición da G-Night pon o foco na creatividade como parte esencial da investigación e achega á sociedade o traballo das persoas investigadoras e o impacto da ciencia na vida cotiá.

Información GNight2026 Ferrol

Web: https://gnight.gal/cidades/ferrol/
Entradas: https://citeni_udc.eventbrite.com

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.