logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
ISSW26
CITENI UDC 14 de Setembro de 2026

O ISSW, International Ship Stability Workshop, recala por primeira vez en España e chega ao Campus Industrial de Ferrol

O ISSW, International Ship Stability Workshop, recala por primeira vez en España e chega ao Campus Industrial de Ferrol

O Campus Industrial de Ferrol acolle do 14 ao 16 de setembro o 21st International Ship Stability Workshop (ISSW), que ten lugar por primeira vez en España e está organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII). A cita congrega máis de 80 especialistas de arredor de 14 países para abordar os últimos avances científicos e técnicos no ámbito da estabilidade dos buques, con 42 traballos de investigación que se presentarán ao longo de nove sesións temáticas

Investigación, industria e regulación naval conflúen do 14 ao 16 de setembro no Campus Industrial de Ferrol, que acolle o 21st International Ship Stability Workshop (ISSW). O encontro, que chega por primeira vez a España, reúne especialistas internacionais e representantes de organismos reguladores para abordar os avances máis recentes no estudo da estabilidade dos buques.

A xornada inaugural reuniu no Salón de Actos Concepción Arenal do campus representantes da Universidade da Coruña (UDC), da industria naval, da comunidade científica internacional e da Organización Marítima Internacional (OMI), nunha apertura que pon de manifesto o carácter científico, industrial e regulador do ISSW. No acto interviñeron Marcos Míguez, director do Campus Industrial de Ferrol e presidente do comité organizador local; Vadim Belenky, presidente do International Standing Committee (ISC); Eduardo Dobarro, director de Navantia Ferrol; Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, e Víctor Jiménez, presidente do Consello da Organización Marítima Internacional (OMI).

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) participa na organización a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), con Marcos Míguez, director do Campus Industrial e investigador do GII, como presidente do comité organizador local.

42 traballos sobre a estabilidade e a seguridade dos buques

Máis de 80 especialistas de arredor de 14 nacionalidades participan nesta edición do ISSW. Ao longo das nove sesións temáticas presentaranse 42 traballos de investigación sobre a estabilidade e a seguridade dos buques.

As investigacións analizan distintos fenómenos que poden poñer en risco a estabilidade dos buques durante a navegación. Entre eles está o balanceo paramétrico (parametric roll), que pode facer que o buque bambee cada vez máis cando a súa frecuencia de balanceo coincide coa das ondas ou se aproxima a ela, o que aumenta de forma considerable a intensidade do movemento.

Outro dos ámbitos de estudo é o do surf-riding, unha situación na que o buque é impulsado pola propia onda e pode experimentar un aumento da súa velocidade. Se esta situación provoca unha perda de control sobre o rumbo, pode derivar no chamado derrapaxe (broaching), en que o buque xira bruscamente e aumenta o risco de que perda a estabilidade.

O estudo destes casos permite coñecer mellor como responden os buques ante diferentes condicións de navegación e desenvolver ferramentas para prever e reducir os riscos asociados.

Novos modelos e novas ferramentas para a seguridade marítima

Para iso, os traballos combinan modelos matemáticos e simulacións por ordenador con métodos probabilísticos e técnicas de aprendizaxe automática. Estas ferramentas aplícanse ao estudo de novos conceptos de buques autónomos e de cero emisións, buques mercantes de propulsión nuclear, plataformas eólicas mariñas e buques navais.

A investigación aborda tamén a evolución dos criterios de seguridade marítima. Neste ámbito, o programa incorpora traballos sobre os criterios de segunda xeración para a estabilidade intacta (Second Generation Dynamic Intact Stability, SGISC) e sobre as últimas actualizacións reguladoras, que trasladan os avances científicos e técnicos aos criterios empregados para avaliar a seguridade dos buques.

Desde 1995, estes encontros complementan a International Conference on Stability of Ships and Ocean Vehicles (STAB), principal foro internacional sobre estabilidade de buques. Fronte ao carácter máis amplo da STAB, o ISSW céntrase en cuestións concretas da estabilidade naval e nos avances máis recentes para estudalos, analizalos e buscarlles aplicacións.

Conexión coa industria e o territorio

A organización do ISSW desde o Campus Industrial de Ferrol permite achegar a investigación desenvolvida desde a UDC á actividade industrial e aos organismos responsables da seguridade marítima. A través do CITENI e do GII, a UDC participa nun espazo no que se comparten coñecementos e metodoloxías para avanzar no estudo da estabilidade dos buques e na aplicación destes resultados ao ámbito naval.

Fóra das sesións científicas, o programa incorpora tamén actividades vinculadas ao territorio. Onte, domingo día 13, as e os asistentes realizaron unha visita guiada pola cidade e asistiron a unha recepción no Parador de Ferrol, coa presenza da concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Isaac Rosón; a decana do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de Galicia, Beatriz Spuch, e o presidente do Consello da OMI, Víctor Jiménez.

Ao longo da semana están previstas tamén actividades na ría de Ferrol, unha visita ao castelo de San Felipe e un desprazamento á Torre de Hércules, así como unha visita opcional ao estaleiro de Navantia Ferrol.

Co ISSW, o Campus Industrial de Ferrol sitúa durante tres días a investigación sobre estabilidade naval no centro do debate científico internacional e favorece o contacto entre o coñecemento desenvolvido desde a UDC, a industria naval e os organismos responsables da seguridade marítima.

Información sobre o ISSW26

Web: https://issw2026ferrol.com/
Programa científico: https://issw2026ferrol.com/workshop-program/

ISSW
Participantes no 21st International Ship Stability Workshop (ISSW)
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.