logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
CITENI UDC 2 de Setembro de 2026

IBEREO 2026 converte o Campus Industrial de Ferrol en punto de encontro internacional da investigación en reoloxía

IBEREO 2026 converte o Campus Industrial de Ferrol en punto de encontro internacional da investigación en reoloxía

IBEREO 2026, o Encontro Ibérico de Reoloxía, comeza este mércores no Campus Industrial de Ferrol coa participación de especialistas e persoal investigador de referencia internacional. A cita, organizada conxuntamente polo Grupo Español de Reoloxía (GER) e a Sociedade Portuguesa de Reoloxía (SPR), desenvolverase ata o venres coa coordinación desde Ferrol dos grupos de Polímeros e PROTERM do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais da Universidade da Coruña, o CITENI. Durante tres xornadas, IBEREO 2026 abordará os últimos avances no estudo do comportamento de materiais e fluídos e as súas aplicacións en ámbitos como a alimentación, a enerxía ou a industria.

O Campus Industrial de Ferrol acolle desde hoxe e ata o venres 4 de setembro IBEREO 2026, o Encontro Ibérico de Reoloxía, unha xuntanza científica internacional que cada dous anos pon en común investigacións e avances neste ámbito. Na organización desta convocatoria están implicados os grupos de Polímeros e Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM), integrados no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC).

O congreso arrincou esta mañá no Salón de Actos Concepción Arenal, cunha sesión inaugural en que participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao; a directora do CITENI, Belén Montero; o presidente do Grupo Español de Reoloxía, José Muñoz; xunto a presidenta e coordinadora do congreso, Ana Ares.

Unha disciplina que permite coñecer e deseñar materiais

A reoloxía estuda como se deforman e flúen os materiais, desde líquidos e emulsións ata polímeros e outras estruturas complexas. O seu coñecemento permite caracterizar materiais, optimizar procesos e desenvolver produtos con propiedades específicas, cunha aplicación que abrangue desde a alimentación e a biomedicina ata a enerxía e diferentes sectores industriais.

Esta diversidade reflíctese no programa de IBEREO 2026, no que conflúen investigacións sobre alimentación e biorreoloxía, procesamento industrial, polímeros, novas técnicas de medida e estudo de fluídos complexos, con aplicacións que van desde a impresión 3D ata as baterías de estado sólido, os lubricantes ou os hidroxeles.

Ao longo do encontro presentaranse preto de 80 contribucións científicas, entre 40 comunicacións orais e 39 pósteres, nunha cita que reunirá case un centenar de persoas de 12 nacionalidades. España e Portugal concentran a maior parte das participacións, xunto con persoal investigador de países como os Estados Unidos, China, Brasil, Bélxica ou Alemaña. A organización destaca tamén o apoio das 12 empresas colaboradoras, nunha aposta por achegar a investigación científica ás súas aplicacións no ámbito industrial.

Especialistas internacionais e investigacións desenvolvidas desde o CITENI

A primeira conferencia plenaria correu a cargo de Simon Rogers, da University of Illinois Urbana-Champaign (Estados Unidos), que centrou a súa intervención na recovery rheology, un área da reoloxía que estuda como se deforman e se recuperan os materiais despois de seren sometidos a un esforzo.

O xoves 3, Ruth Cardinaels, da Eindhoven University of Technology (Países Baixos) e KU Leuven (Bélxica), ofrecerá a segunda conferencia plenaria, dedicada á rheo-scattering e á rheo-spectroscopy, técnicas que permiten analizar a estrutura interna dos materiais ao mesmo tempo que se observa como responden cando son deformados ou sometidos a movemento.

Entre as intervencións destacadas do programa figuran investigacións sobre a caracterización reolóxica de materiais ricos en proteínas para a impresión 3D de alternativas vexetais á carne ou sobre o desenvolvemento dun dispositivo de código aberto e baixo custo para estudar como se comportan fluídos e materiais complexos cando se estiran, entre outras.

O CITENI ten unha presenza salientable en IBEREO 2026 a través do persoal investigador dos grupos de Polímeros e PROTERM. Ramón Artiaga, María José Abad, Jorge López Beceiro e Ana Díaz conducirán diferentes sesións científicas; mentres que Ana Ares exerce a coordinación local. Ademais, membros de ambos os dous grupos tamén presentan traballos na sesión de pósteres.

Ciencia e territorio

A actividade científica combinarase cun programa social pensado tamén para achegar as persoas participantes ao territorio en que ten lugar. A primeira xornada rematará cun percorrido en barco pola ría de Ferrol e, xa á tardiña, cun cóctel de benvida en Exponav. O xoves terá lugar a cea de gala nun restaurante da comarca de Ferrolterra, mentres que o venres unha visita a Santiago de Compostela servirá para poñerlle o ramo a esta xuntanza.

IBEREO 2026 converte así o Campus Industrial de Ferrol nun punto de encontro internacional arredor da reoloxía e pon de manifesto a capacidade do CITENI para xerar investigación e participar en redes científicas de dimensión internacional, neste caso a través dos grupos de Polímeros e PROTERM.

Información IBEREO

Web: https://ibereo2026.com/
Programa científico: https://ibereo2026.com/program/

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.