logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Parte do equipo investigador que participa no proxecto AOFFTECH, diante do CITENI. De esquerda a dereita: Félix Nieto (CITEEC), Lucía Santiago (CITENI), Vicente Díaz (CITENI), Sara Ferreño (CITENI) e José Javier Orosa (UDC).
CITENI UDC 8 de Agosto de 2025

CITENI e CITEEC participan no proxecto europeo AOFFTECH para impulsar a eólica mariña flotante no Atlántico

CITENI e CITEEC participan no proxecto europeo AOFFTECH para impulsar a eólica mariña flotante no Atlántico

Persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) participa no proxecto AOFFTECH: Atlantic Offshore Tech, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico e coordinado polo Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime). O equipo da Universidade da Coruña (UDC) lidera o estudo das necesidades tecnolóxicas para a implantación de parques experimentais de eólica mariña flotante no Arco Atlántico.

A eólica mariña flotante ofrece unha solución viable para xerar electricidade en augas profundas, onde non é posible ancorar aeroxeradores ao leito mariño mediante estacas (tamén coñecidas como pilotes) ou outras cimentacións fixas. Esta tecnoloxía resulta especialmente adecuada para o Arco Atlántico, unha zona con alto potencial enerxético eólico, pero tamén con condicións oceánicas complexas que dificultan as solucións tradicionais.

Co obxectivo de avanzar na implantación deste tipo de infraestruturas, a Universidade da Coruña colabora no proxecto europeo Atlantic Offshore Tech (AOFFTECH), unha iniciativa internacional centrada en impulsar o desenvolvemento da eólica flotante neste espazo marítimo. A institución participa nela a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), ambos cunha ampla traxectoria no ámbito das enerxías mariñas.

Coordinado polo Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime), o proxecto conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns —un 75 % do total— están cofinanciados polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER). A UDC será responsable de xestionar unha partida de 243 750 € dentro deste financiamento.

Tecnoloxía, sustentabilidade e coñecemento desde a UDC

A institución coordina unha das tarefas principais do primeiro paquete de traballo (WP1), orientada a promover a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e de investigación do sector eólico flotante na eurorrexión atlántica. Esta acción impulsa o intercambio de coñecemento e o desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas, como as plataformas multiuso e o hidróxeno verde. Ademais, busca favorecer o desenvolvemento sostible e a convivencia con actividades tradicionais de sectores como a acuicultura, o turismo e a monitorización de ecosistemas, co obxectivo de garantir impactos positivos e mitigar posibles efectos nas comunidades locais.

Dentro deste labor, o CITENI, a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), lidera a análise das barreiras técnicas que dificultan o despregamento de parques eólicos experimentais flotantes. Para iso, define unha folla de ruta tecnolóxica e desenvolve ferramentas para avaliar o comportamento destas infraestruturas a medio e longo prazo, ademais da súa repercusión a nivel socioeconómico e industrial. Pola súa banda, o CITEEC achega a súa experiencia en enxeñaría civil aplicada a infraestruturas marítimas e enerxéticas.

“AOFFTECH permítenos achegar desde a universidade soluciones reais para que a enerxía eólica mariña flotante deixe de ser un horizonte e se converta nunha infraestrutura experimental viable”, explica Vicente Díaz, investigador principal do proxecto por parte da UDC. “Desde o CITENI, estamos a analizar as barreiras técnicas actuais para que as plataformas experimentais poidan comezar a operar no menor tempo posible”.

Cooperación internacional para a transición enerxética

AOFFTECH é un proxecto transnacional de tres anos de duración que agrupa a 11 entidades de España, Portugal, Francia, Irlanda e Noruega. Xunto á UDC e GOE-Asime, o consorcio está formado pola Plataforma Oceánica de Canarias (PLOCAN), o Marine and Renewable Energy Research Centre – University College Cork (MaREI), o Marine Institute (Irlanda), a École Centrale de Nantes, Pôle Mer Bretagne Atlantique, a Agência para a Energia (Portugal), a Câmara Municipal de Viana do Castelo (CMVC) e VianaPesca, ademais da agrupación industrial Norwegian Offshore Wind.

Consolidación e salto tecnolóxico

AOFFTECH consolida e amplía os logros do proxecto predecesor, AOWINDE: Atlantic Offshore Wind Energy, centrado en fortalecer a cadea de valor da eólica mariña na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Mentres que AOWINDE estableceu unha base sólida de colaboración institucional e planificación estratéxica, AOFFTECH dá un paso máis na dimensión tecnolóxica, ambiental e territorial; e estende o seu alcance a cinco países do Arco Atlántico.

O obxectivo do proxecto é desenvolver unha estratexia común para acelerar a implantación da eólica mariña flotante, reforzando ao mesmo tempo a cohesión territorial, a sustentabilidade ambiental e a transferencia de coñecemento. En liña cos obxectivos do Pacto verde europeo e a estratexia de descarbonización do continente, AOFFTECH promove unha acción coordinada baseada no desenvolvemento tecnolóxico, o diálogo coas comunidades costeiras e a mellora da planificación reguladora, co fin de situar o Atlántico como un espazo chave na transición enerxética europea.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.