logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Javier Pernas, autor principal do estudo, diante dunha figura do artigo onde se ilustran as estratexias de montaxe de bloques consideradas: en fila, en columna e en forma de pirámide.
CITENI UDC 5 de Agosto de 2025

O CITENI desenvolve un modelo intelixente que optimiza a construción naval

O CITENI desenvolve un modelo intelixente que optimiza a construción naval

Persoal do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolve un novo modelo de optimización para a planificación en estaleiros que inclúe, por primeira vez, a estratexia real de construción en bancada. A investigación, publicada na prestixiosa revista International Journal of Production Research, presenta unha metodoloxía que permite un uso moito máis eficiente dos recursos dun estaleiro, á vez que reduce os tempos de montaxe dos buques

A fabricación de buques é un proceso complexo que require coordinar múltiples tarefas e recursos: desde a produción de pezas e a ensamblaxe e o equipamento de grandes bloques ata a montaxe final en bancada. Tradicionalmente, a planificación da produción realízase de forma manual e apóiase na experiencia do persoal técnico. Aínda que efectiva, esta metodoloxía impide avaliar con precisión a eficiencia das secuencias, prever colos de botella e adaptarse axilmente aos imprevistos do taller.

Limitacións reais como a dispoñibilidade de guindastres, o espazo para almacenar bloques intermedios ou a asignación de persoal especializado condicionan cada fase do proceso. Se non se xestionan ben, estas restricións poden xerar ineficiencias e alongar o proceso de fabricación do buque, o que eleva os custos do proxecto. Por iso, contar con ferramentas que optimicen esta planificación é chave para mellorar o uso dos recursos e reducir os prazos nos estaleiros modernos.

O reto de planificar un xigante

Darlle solución a este tipo de problemas, habituais na construción naval, é o obxectivo do modelo computacional desenvolvido por investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da Universidade da Coruña (UDC), desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. A investigación foi publicada na revista científica International Journal of Production Research, editada por Taylor & Francis e clasificada no primeiro cuartil (Q1) da área de Enxeñaría Industrial.

Baixo o título A constraint programming-based decomposition strategy for the block assembly scheduling problem in shipbuilding, o artigo presenta unha estratexia de descomposición que optimiza tanto o plan de ensamblaxe dos bloques como o uso dos recursos no estaleiro. O modelo ten en conta restricións reais como a dispoñibilidade de medios técnicos e humanos, os prazos de entrega e a capacidade de almacenamento intermedio —coñecida como buffer—, e incorpora por primeira vez a secuencia real de montaxe en bancada, é dicir, como se organizará a ensamblaxe final do casco sobre a plataforma do estaleiro. Isto permite axustar a planificación á estratexia construtiva —xa sexa en fila, columna ou pirámide—, avaliar cal é a máis adecuada e adaptar o sistema de produción de acordo cos recursos dispoñibles e os obxectivos marcados.

O traballo forma parte da tese de doutoramento de Javier Pernas, quen asina a publicación xunto ao investigador Diego Crespo. Ambos desenvolven o seu labor no CITENI, ademais de participar nas liñas do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI), orientadas ao desenvolvemento de solucións para mellorar a eficiencia na industria naval. Completa a autoría José A. Becerra, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

Planificar con lóxica… e con lóxica computacional

O modelo baséase nunha técnica coñecida como programación por restricións (Constraint Programming), que permite xerar automaticamente plans de traballo axustados a múltiples condicións reais: recursos compartidos, prazos de entrega, dispoñibilidade de persoal cualificado e —como novidade destacada— a capacidade limitada para almacenar bloques antes da súa ensamblaxe e da ensamblaxe do casco.

“O modelo non establece unha estratexia fixa de ensamblaxe: adáptase á que o estaleiro decida —xa sexa en fila, columna ou pirámide— e optimiza os recursos en cada caso”, explica Javier Pernas-Álvarez. “Ten en conta variables como o uso de guindastres, o espazo dispoñible para almacenar bloques ou os prazos de entrega, e ofrece a quen planifica datos obxectivos para decidir que priorizar: tempos, recursos ou ambos. Non decide por ninguén, pero achega criterios sólidos que axudan a tomar mellores decisións.”

Un dobre obxectivo

O modelo desenvolvido persegue un dobre obxectivo: reducir o tempo total de construción (makespan) e optimizar o uso dos recursos técnicos e humanos do estaleiro. Para logralo, incorpora un factor chave que outros modelos non consideraban: a capacidade real de almacenamento intermedio (buffer), é dicir, o espazo físico dispoñible para depositar os bloques antes da súa montaxe final na bancada.

“Unha das principais dificultades nos estaleiros é xestionar ese espazo de almacenamento. Se non se controla, fórmanse colos de botella que retardan o proceso”, explica Javier Pernas-Álvarez. “O noso modelo considera esta limitación para evitar acumulacións excesivas e garantir un fluxo de traballo equilibrado e continuo.”

Os experimentos realizados mostran que, sen unha xestión axeitada, poden chegar a acumularse ata nove bloques nun mesmo punto, o que xera conxestións e pode atrasar a produción. Con todo, ao integrar a capacidade real de almacenamento no modelo, lógrase reducir o uso do buffer ata nun 50 %, sen aumentar o tempo total de construción. Deste xeito, o sistema optimiza a planificación e mantén a eficiencia sen saturar os espazos dispoñibles.

Da teoría ao estaleiro

Como seguinte paso, o equipo traballa en integrar esta ferramenta con sistemas de simulación en tempo real, que permitan adaptar a planificación sobre a marcha ante interrupcións imprevistas, atrasos ou cambios de última hora na cadea de montaxe.

“Queremos combinar simulación e optimización para lograr unha planificación dinámica, que se axuste en tempo real aos posibles contratempos que xurdan durante o proceso de ensamblaxe, pasando de ter unha ferramenta táctica a unha operativa no día a día”, destaca o investigador.

Con esta evolución cara a unha planificación máis dinámica e adaptativa,
o equipo do GII, desde o CITENI, dá un paso adiante na transferencia de coñecemento á contorna real do estaleiro. A ferramenta perfílase como un apoio estratéxico para a toma de decisións en produción, con potencial para mellorar a eficiencia operativa e reforzar a resiliencia ante imprevistos. Un avance que consolida a aposta por unha organización máis intelixente e áxil dos procesos industriais

Javier Pernas Álvarez

Javier Pernas Álvarez é doutor en Enxeñaría Naval e Industrial e profesor axudante doutor na Universidade da Coruña (UDC). Forma parte do Grupo Integrado de Investigación en Enxeñaría (GII) e coordina a participación da UDC na liña de Xemelgo dixital de planta e proceso dentro da colaboración CEMI 22-25 Navantia-UDC, enfocada na integración de tecnoloxías dixitais para optimizar a fabricación e a construción naval.

Previamente traballou na Università degli Studi dei Genova, onde participou en proxectos de simulación aplicados á industria e a defensa. As súas principais áreas de investigación inclúen a modelaxe e a simulación, a simulación de eventos discretos, os xogos serios, a optimización de procesos industriais, os sistemas loxísticos e de fabricación, os xemelgos dixitais e as aplicacións en enerxía eólica mariña.

Colaborou con entidades como Navantia e a OTAN, aplicando técnicas de investigación de operacións, automatización e tecnoloxías dixitais emerxentes para mellorar sistemas industriais complexos.

Referencia: Pernas-Álvarez, J., Becerra, J. A., & Crespo-Pereira, D. (2025).
A constraint programming-based decomposition strategy for the block assembly scheduling problem in shipbuilding. International Journal of Production Research, 1–20. https://doi.org/10.1080/00207543.2025.2503465

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.