logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Colaboración CITENI - HUAC
CITENI UDC 31 de Xullo de 2025

O CITENI desenvolve con profesionais do CHUAC e do CHUF unha investigación sobre realidade aumentada aplicada á cirurxía

O CITENI desenvolve con profesionais do CHUAC e do CHUF unha investigación sobre realidade aumentada aplicada á cirurxía

O Hospital Universitario da Coruña (HUAC) acolle esta semana unha sesión experimental en que profesionais sanitarios colaboran coa Universidade da Coruña (UDC) para probar solucións de realidade aumentada (RA) aplicadas á cirurxía. A investigación, coordinada desde o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) busca integrar esta tecnoloxía de apoio visual no traballo real do quirófano

O Hospital Universitario de Coruña (HUAC) acolleu esta mañá unha sesión experimental centrada en avaliar a funcionalidade e usabilidade de sistemas de realidade aumentada (RA) en contornas reais de quirófano. A investigación forma parte da tese doutoral titulada Interfaces virtuais e realidade aumentada para cirurxía, desenvolvida por Ánxela Pérez no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, baixo a dirección do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) Florian Michaud e de Nieves Pedreira, profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) da Universidade da Coruña (UDC).

Unha ollada dixital para a cirurxía do futuro

Na sesión participou o Dr. Pablo Codesido, médico adxunto do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e doutros profesionais do CHUAC que colaboran activamente neste proxecto para avaliar o comportamento das lentes intelixentes e os seus diferentes modos de interacción: mediante xestos, mirada, voz, inclinación da cabeza ou combinación destes. O obxectivo é identificar as formas de control que resulten máis rápidas, ergonómicas e seguras nunha contorna cirúrxica onde a concentración e a precisión son críticas.

“Desde o Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do CHUAC e a Unidade de Xeonllo colaboramos coa investigación e apostamos polas tecnoloxías de vangarda aplicadas á saúde —como a robótica, a intelixencia artificial e as interfaces virtuais— porque poden axudar a mellorar a calidade da atención aos nosos pacientes. Que estes avances permitan acceder a información crítica sen interromper o fluxo da intervención pode marcar unha gran diferenza nun quirófano, onde cada segundo e cada decisión contan”, sinala o Dr. Codesido.

Esta actividade continúa o traballo experimental iniciado o pasado 9 de xullo na Área Sanitaria de Ferrol, onde tamén participaron especialistas do ámbito cirúrxico en colaboración coa Dra. Laura Ameneiro . A diferenza doutras aproximacións máis teóricas, este proxecto céntrase en validar a tecnoloxía no seu contexto real, incorporando a experiencia directa dos profesionais para adaptar as interfaces ás necesidades do quirófano.

“A realidade aumentada ten un gran potencial para revolucionar a cirurxía moderna, pero o seu éxito dependerá de deseñar interfaces que permitan unha interacción natural, rápida e eficiente. A participación dos profesionais sanitarios é fundamental para mellorar estas solucións tecnolóxicas”, explican desde o CITENI.

Tecnoloxía que amplía a visión cirúrxica

A realidade aumentada é unha tecnoloxía que combina o mundo real con elementos virtuais en tempo real que permite superpoñer información dixital —como imaxes, gráficos ou datos anatómicos— directamente sobre o campo de visión do cirurxián, sen perder contacto coa contorna física. Ao contrario da realidade virtual, que illa ao usuario, a RA enriquece o ámbito real e está a aplicarse con éxito crecente en procedementos complexos como:

  • Artroplastia total de xeonllo: as lentes de RA funcionan como sistemas de navegación cirúrxica, guiando con maior precisión o corte óseo sen depender de pantallas externas.
  • Cirurxía de columna: permiten trazar a traxectoria óptima para a inserción de parafusos pediculares, evitando estruturas sensibles e mellorando a exactitude na colocación.
  • Neurocirurxía: superpoñen imaxes do escáner cerebral sobre o cranio do paciente, facilitando o acceso con mínima invasión de tecido.
  • Cirurxía hepática ou oncolóxica: posibilitan localizar con precisión masas tumorais ou vasos importantes sen deter a intervención para consultar imaxes externas.

Estes sistemas non só ofrecen datos en tempo real, senón que se adaptan dinamicamente aos movementos do cirurxián e do paciente, proporcionando unha asistencia visual contextualizada ao longo de toda a intervención.

Deseño e tecnoloxía ao servizo da saúde

A iniciativa forma parte dunha aposta estratéxica por achegar a innovación tecnolóxica á práctica clínica real. A colaboración entre profesionais sanitarios e persoal investigador busca garantir que as ferramentas de realidade aumentada sexan útiles, seguras e integrables no día a día do quirófano, co obxectivo de dar resposta ás necesidades reais dos equipos cirúrxicos. A investigación, desenvolvida polo Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI, supón un paso firme cara a unha cirurxía máis precisa, asistida e humanizada.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.