logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Accesit Javier Pernas
CITENI UDC 21 de Xaneiro de 2026

Os Premios RAGC distinguen cun accésit unha investigación do CITENI sobre construción naval intelixente

Os Premios RAGC distinguen cun accésit unha investigación do CITENI sobre construción naval intelixente

O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) Javier Pernas Álvarez foi recoñecido pola Real Academia Galega de Ciencias polo desenvolvemento dunha investigación que optimiza a fabricación e a montaxe de buques.

A súa metodoloxía, baseada na programación por restricións, permite organizar de forma intelixente a ensamblaxe de bloques, xestionar recursos e anticipar problemas no estaleiro.

A Coruña, 21 de xaneiro de 2025. – A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeulle un accésit nos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC ao investigador Javier Pernas, do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC). O recoñecemento distingue, na categoría de Ciencias Técnicas, unha liña de investigación orientada a mellorar a planificación e organización da construción naval. A entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro 28 de xaneiro no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.

Planificación intelixente para grandes proxectos navais

«Construír un buque é como montar un xigantesco crebacabezas de Lego con pezas de aceiro de centos de toneladas», explica Pernas. «Cada bloque debe fabricarse, almacenarse e ensamblarse nunha orde precisa; se unha soa peza non está lista a tempo ou non hai espazo para gardala, toda a produción se frea e cada día de atraso supón miles de euros en perdas».

Ata agora, este proceso xestionábase en gran medida de forma artesanal, segundo a experiencia e intuición do equipo encargado da planificación. O traballo premiado aborda o reto da planificación mediante técnicas avanzadas de optimización por restricións. Integra, por vez primeira e de xeito simultáneo, a fabricación dos bloques, a capacidade real dos almacéns intermedios e a estratexia de montaxe en bancada. Ten a súa orixe nun estudo de investigación que deu lugar ao desenvolvemento completo da metodoloxía e a posteriores publicacións científicas en revistas internacionais de referencia da editorial Taylor & Francis, entre elas o International Journal of Production Research e Ships and Offshore Structures. A investigación, que forma parte da tese de doutoramento de Javier Pernas, foi codirixida por Diego Crespo, investigador do CITENI, e José Antonio Becerra, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

A metodoloxía desenvolvida permite xerar plans de produción factibles e de alta calidade en tempos razoables para proxectos de grande envergadura. Os resultados demostran que unha boa planificación pode reducir significativamente os recursos necesarios e evitar saturacións críticas nos espazos de traballo, algo imposible cos métodos tradicionais. Esta investigación abre o camiño para implantar sistemas de planificación intelixente noutras industrias cun uso intensivo da ensamblaxe, como a aeroespacial ou a construción modular.

O accésit outorgado pola RAGC pon en valor a transferencia de coñecemento da universidade á industria naval e o papel do CITENI e do CITIC no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas a contornos industriais complexos.

Sobre o investigador Javier Pernas

Javier Pernas Álvarez é doutor en Enxeñaría Naval e Industrial e profesor axudante doutor na UDC. Forma parte do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) e coordina a participación da UDC na liña de xemelgo dixital de planta e proceso dentro da colaboración CEMI 22-25 Navantia-UDC, enfocada á integración de tecnoloxías dixitais para optimizar a fabricación e a construción naval.

Previamente traballou na Università degli Studi di Genova, onde participou en proxectos de simulación aplicados á industria e á defensa. As súas principais áreas de investigación inclúen a modelaxe e a simulación, a simulación de eventos discretos, os xogos serios, a optimización de procesos industriais, os sistemas loxísticos e de fabricación, os xemelos dixitais e as aplicacións en enerxía eólica mariña.

Ademais, colaborou con entidades como Navantia e a OTAN na aplicación técnicas de investigación de operacións, automatización e tecnoloxías dixitais emerxentes para mellorar sistemas industriais complexos.

Sobre os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC

Os Premios de Investigación Fundación Barrié‑RAGC, creados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) xunto coa Fundación Barrié, teñen como obxectivo recoñecer as mellores investigacións desenvolvidas en Galicia nas áreas de Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Cada unha das tres categorías outorga un premio principal de 5.000 euros, destinado a apoiar as liñas de investigación máis destacadas, e tamén poden concederse un ou varios accésit, que recoñecen traballos de gran valor científico ou innovador.

Accesit Javier Pernas
No centro da imaxe, o investigador do CITENI distinguido cun accésit nos Premios de Investigación da Fundación Barrié-RAGC Javier Pernas xunto aos seus directores de tese, Diego Crespo do CITENI (á esquerda) e José Antonio Becerra (á dereita).
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.