logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
A investigadora Silvia Lage no Laboratorio de Plásticos do CITENI
CITENI UDC 22 de Decembro de 2025

Unha tese do CITENI impulsa novos materiais sostibles para o eido da electrónica por impresión 3D

Unha tese do CITENI impulsa novos materiais sostibles para o eido da electrónica por impresión 3D

A investigación desenvolvida no CITENI, desde o Campus Industrial de Ferrol, explora o uso de bioplásticos, nanotubos de carbono e residuos vexetais para crear compósitos funcionais aplicables á electrónica e á fabricación avanzada mediante técnicas de modelado por deposición fundida: impresión 3D FDM (Fused Deposition Modeling)

A transición cara a unha industria máis sostible e dixital, marcada polo avance da impresión 3D e da industria 4.0, pasa en boa medida polo desenvolvemento de materiais capaces de combinar funcionalidade, eficiencia e menor impacto ambiental. Neste contexto sitúase unha investigación realizada no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), no Campus Industrial de Ferrol, que explora novas vías para fabricar dispositivos electrónicos mediante impresión 3D a partir de bioplásticos e a revalorización de residuos industriais. O traballo deu lugar a unha tese de doutoramento que explora o deseño de compósitos poliméricos sostibles para a impresión 3D a partir de bioplásticos e residuos vexetais, con aplicacións reais no eido electrónica, por exemplo na creación de circuítos eléctricos, sensores ou biosensores impresos.

Bioplásticos, nanotubos de carbono e residuos revalorizados

A investigación, que leva por título: «Revalorización de residuos lignocelulósicos en compósitos funcionais de ácido poliláctico e nanotubos de carbono para impresión 3D», foi desenvolvida por Silvia Lage no marco do Programa Oficial de Doutoramento en Física Aplicada da UDC. O traballo parte do ácido poliláctico (PLA), un polímero termoplástico de orixe renovable moi utilizado na impresión 3D, que se combina con recheos condutores como os nanotubos de carbono para dotar o material de propiedades eléctricas.

Como elemento innovador, a tese incorpora residuos lignocelulósicos
—procedentes de restos vexetais ricos en celulosa e lignina— como aditivos nos compósitos. Estes residuos, habitualmente considerados refugallos, pasan así a formar parte de materiais de alto valor engadido. Os resultados demostraron que a súa incorporación mellora as propiedades físico-químicas dos compósitos, como a resistencia mecánica e a condutividade eléctrica, ao tempo que contribúe á valorización destes subprodutos desde a perspectiva da economía circular.

Materiais pensados para aplicacións reais

Os compósitos desenvolvidos foron formulados especificamente para o seu porcesamento con técnicas de modelado por deposición fundida ou impresión 3D por FDM (Fused Deposition Modeling), un dos métodos máis estendidos na fabricación aditiva. Ao longo da investigación avaliouse o comportamento dos materiais durante o procesamento, así como a súa estabilidade e reproducibilidade, aspectos clave para transferilos ao ámbito industrial.

Como parte final do traballo, deseñáronse e fabricáronse distintos prototipos funcionais impresos en 3D empregando as formulacións optimizadas. Entre eles inclúense circuítos eléctricos con LED, biosensores e sensores, que permitiron validar o correcto funcionamento dos materiais en aplicacións reais. Os ensaios confirmaron a precisión, fiabilidade e reproducibilidade dos prototipos, así como tamén demostraron o potencial destes compósitos para o desenvolvemento de dispositivos electrónicos impresos.

Defensa da tese e avaliación por un tribunal internacional

A tese foi defendida o 16 de decembro de 2025 no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol. O traballo estivo dirixido polas doutoras do Grupo de Polímeros María José Abad e Ana Isabel Ares, que traballan no Laboratorio de Plásticos (LABPLAST) do CITENI.

A avaliación correu a cargo dun tribunal internacional presidido pola doutora Celina Bernal, da Universidade de Bos Aires, investigadora vinculada ao Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas (CONICET). Actuou como vogal o doutor Nikola Perinka, do Centro Vasco de Materiais, Aplicacións e Nanoestruturas (BC Materials), e foi a secretaria a doutora e investigadora do CITENI da UDC María Belén Montero. O tribunal destacou a relevancia científica do estudo e propuxo para a tese a máxima cualificación de sobresaliente cum laude, á espera da resolución oficial.

Investigación aplicada desde o Campus Industrial de Ferrol

Esta tese súmase ás liñas de investigación desenvolvidas no CITENI arredor dos materiais poliméricos avanzados, a fabricación aditiva e a sostibilidade. O traballo amosa o potencial do Campus Industrial de Ferrol como espazo de investigación aplicada, onde a ciencia de materiais contribúe a darlles resposta a retos industriais actuais mediante solucións innovadoras, funcionais e aliñadas coa valorización dos residuos e o desenvolvemento de novos materiais máis sostibles.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.