O científico do CITENI Jaime Martín consegue atraer dous millóns de euros do Consello Europeo de Investigación para o seu proxecto sobre electrónica orgánica
O científico do CITENI Jaime Martín consegue atraer dous millóns de euros do Consello Europeo de Investigación para o seu proxecto sobre electrónica orgánica
O Consello Europeo de Investigación (European Research Council, ERC) é a máis prestixiosa organización financiadora da investigación científica da Comisión Europea. A súa misión é financiar unicamente proxectos dirixidos a avanzar na fronteira do coñecemento. O obxectivo destas axudas é favorecer a consolidación de traxectorias investigadoras que buscan achegar solucións aos retos do futuro. A revolución enerxética é un deles.
Neste contexto desenvolve a súa investigación Jaime Martín, cuxo proxecto «The Semi-Paracrystalline Organization in Polymers: Towards Stable Organic Solar Cells» obtivo, por primeira vez na UDC, unha ERC Consolidator Grant (ERC-CoG). Dotada con dous millóns de euros, permitirá desvelar, durante os próximos cinco anos, a estrutura dos polímeros semicondutores. Alcanzar este coñecemento posibilitará grandes avances no campo da electrónica orgánica para desenvolver células solares orgánicas máis estables e eficientes.
UN PROXECTO PARA A REVOLUCIÓN ENERXÉTICA
O proxecto de investigación financiado ten dous obxectivos principais: descubrir como é a organización molecular dos polímeros semicondutores e empregar ese coñecemento para desenvolver células solares máis eficientes e estables.
A tecnoloxía dos dispositivos electrónicos orgánicos –células solares orgánicas, OLED ou transistores orgánicos (OFET)– baséase no control das cargas eléctricas dentro dun material orgánico semicondutor; por exemplo, un polímero semicondutor. A capacidade para manipular cargas eléctricas nestes materiais depende de como están organizadas as súas moléculas. Por iso, resulta determinante saber con precisión como é a organización molecular dos polímeros semicondutores.
Os actuais modelos estruturais foron desenvolvidos para explicar a organización molecular dos polímeros tradicionais, pero non conseguen explicar adecuadamente a estrutura destes novos compostos. O proxecto de Jaime Martín propón investigar sobre un novo modelo estrutural (o «modelo semiparacristalino», proposto polo seu grupo de investigación en 2022) que podería explicar como é a organización molecular nos polímeros semicondutores que se empregan na fabricación de células solares orgánicas.
O establecemento e a confirmación do novo modelo semiparacristalino supoñerían un cambio de paradigma para entender a relación entre a estrutura molecular e as propiedades do funcionamento dos dispositivos electrónicos orgánicos.
Alcanzar este coñecemento permitirá fabricar células solares orgánicas máis eficientes, estables e con maior durabilidade. Este feito supoñería todo un fito para determinados sectores industriais, como o da electrónica orgánica ou a enerxía.
JAIME MARTÍN E A SÚA TRAXECTORIA INVESTIGADORA
Jaime Martín é investigador e docente na UDC. Lidera un grupo de investigación especializado en polímeros funcionais (https://www.jaimemartinlab.com). As súas principais liñas de investigación perseguen comprender como é a configuración estrutural dos polímeros semicondutores empregados en electrónica orgánica e fotónica, así como establecer correlacións entre a estrutura destes materiais e as súas propiedades optoelectrónicas.
Jaime Martín realizou o seu doutoramento en Química no Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros do CSIC, en Madrid. Posteriormente gozou de varios contratos posdoutorais en prestixiosos centros de investigación nacionais e europeos: traballou no Instituto de Micro e Nanotecnoloxía do CSIC (Madrid, 2011-2014); no Imperial College London (Londres, 2014-2017), cun contrato Marie Sklodowska-Curie Independent Fellow, e en POLYMAT (San Sebastián, 2017), grazas ao programa de atracción de talento Fellow Gipiuzkoa. trasladou o seu contrato Ramón y Cajal á UDC. En 2018 conseguiu un contrato Ikerbasque Research Fellow e, máis adiante, un contrato Ramón y Cajal na Universidade do País Vasco (San Sebastián). En 2020, o investigador trasladou o seu contrato Ramón y Cajal á UDC. Actualmente desenvolve a súa actividade investigadora no Laboratorio de Polímeros Funcionais do CITENI do Campus Industrial de Ferrol.
Nestes anos, Jaime Martín consolidou unha carreira investigadora e un grupo de investigación que gozan dun notable recoñecemento internacional, principalmente, nos campos da física de polímeros e a electrónica orgánica. O seu equipo realizou importantes avances científicos: o desenvolvemento da única metodoloxía existente para cuantificar a composición interna de células solares orgánicas (Adv. Mater., 2020, 32, 2005241); o descubrimento de fases polimórficas altamente eficientes en semicondutores orgánicos de tipo N (Adv. Funct. Mater., 2021, 31, 2103784, y Adv. Sci., 202110.1002/advs.202104977); ou o desenvolvemento do modelo semiparacristalino para explicar a microestrutura dos polímeros semicondutores (Mater. Horizons, 2022, 9, 1196). Esta última publicación foi recoñecida como o artigo científico máis relevante de 2022 pola importante revista Materials Horizons (Mater. Horizons Outstanding Paper Award of 2022). En recoñecemento a estas e outras importantes contribucións científicas, Jaime Martín foi convidado a participar na Rising Star series dunha das revistas máis prestixiosas en ciencia de materiais: Advanced Materials. (https://onlinelibrary.wiley.com/doi/toc/10.1002/(ISSN)1521-4095.Rising-Stars).
Ao longo da súa carreira, como investigador independente, logrou atraer máis de 3 000 000 € como investigador principal en convocatorias competitivas (e uns 700 000 € máis como investigador non principal). Liderou 13 proxectos de investigación, algúns dos máis prestixiosos a nivel nacional e europeo: un ERC-CoG (2 000 000 €), dúas MICIIN PGC 2018 e 2021 (90 000 e 260 000 €, respectivamente), un MSCA-RISE (700 000 €) etc.
Jaime adoita participar tamén como relator convidado nos congresos máis influentes vinculados á ciencia de materiais, tales como o MRS, eMRS, IUPAC etc. Tamén colabora con algúns dos científicos máis recoñecidos do mundo no seu campo, como Harald Ade (U. North Carolina, EUA), Christian Muller (Chalmers U., Suecia), Natalie Stingelin (Georgia Tech., EUA), Martin Heeney e Thomas Antopoulos (KAUST, Arabia Saudita) etc.