O CITENI capta máis dun millón de euros do MICIU para impulsar cinco novos proxectos de investigación
O CITENI capta máis dun millón de euros do MICIU para impulsar cinco novos proxectos de investigación
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña desenvolverá cinco novas iniciativas de investigación tras obter financiamento na última convocatoria de proxectos de xeración de coñecemento da Axencia Estatal de Investigación (AEI), que depende do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU).
As axudas que se lle concederon ao centro, xunto cos contratos predoutorais asociados a dous dos proxectos, suman un investimento total de 1 146 167,50 € e permitirán avanzar en liñas estratéxicas de investigación como a física nuclear e de partículas, a enxeñaría mecánica, a análise do movemento humano e os materiais avanzados.
Esta achega do CITENI forma parte do resultado que a Universidade da Coruña (UDC) acadou na resolución provisional da convocatoria de 2025, en que a institución obtivo un financiamento global de 6,3 millóns de euros para 46 proxectos de investigación e 11 contratos predoutorais ligados. Estes datos consolidan a capacidade da UDC para captar financiamento competitivo e desenvolver investigación de excelencia.
Física nuclear: detectores para a próxima xeración de experimentos
O Grupo de Física e Tecnoloxía Nuclear e de Altas Enerxías (FiTNAE) participa, en colaboración co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), no proxecto de desenvolvemento de detectores de próxima xeración para medidas de alta precisión en reaccións e desintegracións nucleares exóticas (NEXDREAM), que coordina na UDC o investigador principal José Luis Rodríguez Sánchez e está financiado con 128 750 €. O proxecto impulsará os detectores de nova xeración e sistemas avanzados de análise de datos para os experimentos que se levarán a cabo na infraestrutura europea FAIR, co obxectivo de estudar núcleos atómicos exóticos e avanzar no coñecemento da estrutura da materia e dos procesos que teñen lugar no interior das estrelas.
Física de partículas: novas ferramentas para estudar as leis fundamentais do universo
O Grupo de Física e Tecnoloxía Nuclear e de Altas Enerxías (FiTNAE) tamén participa no proxecto Análise en Tempo Real (RTA) do LHCb (en inglés, LHCb Upgrade Trigger and Data Analysis), en colaboración con outros grupos do experimento LHCb do CERN. O equipo da UDC, dirixido por Diego Martínez Santos e Veronika Chobanova, conta cun financiamento de 221 250 € para desenvolver novas ferramentas de análise dos datos do experimento en tempo real. O proxecto permitirá estudar con maior precisión partículas que conteñen quarks estraños, cuxas desintegracións achegan información clave para comprobar as predicións do modelo estándar da física e buscar indicios dunha nova física.
Enxeñaría mecánica: intelixencia baseada en datos para unha industria máis eficiente
O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) desenvolverá o proxecto de estimación aumentada con datos de sistemas multicorpo con fenómenos complexos (DaugA), dirixido polo investigador principal Francisco Javier González Varela e financiado con 158 562,50 €. A investigación combinará modelos físicos e técnicas baseadas en datos para confeccionar novas ferramentas que permitan coñecer en tempo real o estado da maquinaria industrial e anticipar posibles fallos. Os resultados contribuirán a mellorar a monitorización e o control de sistemas mecánicos, impulsando os avances no mantemento preditivo, a automatización industrial e a robótica.
Saúde: levar a análise do movemento humano fóra do laboratorio
Tamén desde o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM), o investigador principal Francisco Javier Cuadrado Aranda dirixirá un proxecto denominado «Intentando sacar do laboratorio a análise en tempo real do movemento humano (MALOUT)», financiado con 118 375 €, ao cal se lle suma un contrato predoutoral asociado de 134 615 €. O obxectivo é poñer as tecnoloxías de análise do movemento humano en tempo real ao alcance das e dos profesionais da saúde e doutros ámbitos que non dispoñen de laboratorios especializados. Para iso, o proxecto creará ferramentas de captura, análise e biorretroalimentación capaces de proporcionar información inmediata sobre a postura e o movemento, para facilitar o diagnóstico e o seguimento de patoloxías, a prevención e a rehabilitación de lesións e a avaliación de tecnoloxías de apoio á mobilidade.
Materiais avanzados para a transición enerxética
Desde o Laboratorio de Polímeros Funcionais (LPF), o investigador principal Jaime Martín Pérez dirixirá o proxecto de análise cuantitativa da estrutura e das correlacións estrutura-funcionamento en células solares orgánicas altamente eficientes (QUASAR), financiado con 250 000 €, ao que se lle engade un contrato predoutoral ligado de 134 615 €. A investigación concibirá novas técnicas para coñecer con maior precisión a estrutura interna dos materiais que forman as células solares orgánicas. Comprender como esa estrutura condiciona o seu funcionamento permitirá optimizar o seu deseño, mellorar a súa eficiencia e favorecer o desenvolvemento dunha nova xeración de dispositivos fotovoltaicos máis sostibles.
Con estes proxectos, o CITENI, centro de investigación do Campus Industrial de Ferrol, ve reforzada a súa capacidade para captar financiamento competitivo e realizar unha investigación de excelencia en ámbitos estratéxicos como a física, a enxeñaría e os materiais avanzados. Isto consolida a súa posición como referente á hora de xerar coñecemento e na colaboración con algunhas das principais infraestruturas científicas internacionais.


