logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
CITENI UDC 29 de Xullo de 2026

Unha tese do CITENI abre novas vías para desenvolver unha electrónica orgánica máis resistente e flexible

Unha tese do CITENI abre novas vías para desenvolver unha electrónica orgánica máis resistente e flexible

Unha investigación do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) achega novas claves para desenvolver dispositivos de electrónica orgánica máis resistentes e duradeiros.
A tese, desenvolvida pola investigadora Jesika Asatryan dentro do Laboratorio de Polímeros Funcionais, demostra como o proceso de fabricación condiciona a estrutura e as propiedades mecánicas dos polímeros semicondutores.

A electrónica orgánica promete revolucionar sectores como os da electrónica de consumo, a saúde ou a xeración de enerxía grazas á súa flexibilidade, lixeireza e baixo custo de fabricación. Con todo, a súa limitada resistencia mecánica continúa sendo un dos principais desafíos para ampliar as súas aplicacións. Comprender como inflúe o proceso de produción no comportamento destes materiais é o obxectivo da pescuda que desenvolveu Jesika Asatryan no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).

Froito deste traballo nace a tese «Interrelación entre o procesamento, a microestrutura e as propiedades mecánicas no polímero semicondutor D18: coñecementos derivados de experimentos cuantitativos de dispersión de raios X de grande ángulo con incidencia rasante». Realizado dentro do Laboratorio de Polímeros Funcionais, este estudo analiza como as condicións de fabricación modifican a estrutura interna dos polímeros semicondutores, o que á súa vez condiciona a súa resistencia mecánica. Este coñecemento resulta fundamental para deseñar dispositivos electrónicos máis fiables e duradeiros.

Observar o interior dos materiais

Para responder esta cuestión, a investigadora empregou técnicas avanzadas de caracterización da estrutura dos materiais. Unha das máis relevantes é a dispersión de raios X de grande ángulo con incidencia rasante (GIWAXS, pola sigla en inglés), que permite analizar a organización interna de películas ultrafinas de polímero sen necesidade de alteralas. Igual que unha radiografía permite ver o interior do corpo sen necesidade de abrilo, esta técnica amosa como se distribúen e se ordenan as moléculas que forman o material.

Con todo, os datos obtidos mediante a GIWAXS non reflicten por si sós con exactitude o grao de orde do polímero. Unha das principais achegas da investigación foi desenvolver unha metodoloxía que permite corrixir esa información e cuantificar con maior precisión o seu grao de cristalinidade, é dicir, o nivel de organización das moléculas que o forman. Isto permitiu comprobar como as distintas condicións de fabricación modifican esa estrutura interna e, en consecuencia, as propiedades mecánicas do material.

Cara a dispositivos máis resistentes e eficientes

Ao establecer unha relación directa entre o proceso de fabricación, a estrutura dos polímeros e o seu comportamento mecánico, este traballo proporciona unha nova ferramenta para deseñar materiais con propiedades optimizadas. Trátase dun enfoque que permitirá desenvolver dispositivos de electrónica orgánica máis resistentes e duradeiros, con aplicacións en pantallas OLED, transistores orgánicos de efecto de campo (OFET), dispositivos fotovoltaicos orgánicos (OPV) e outras tecnoloxías flexibles emerxentes.

Defensa da tese

O traballo, dirixido polo investigador Jaime Martín, do Laboratorio de Polímeros Funcionais do CITENI, foi defendido o 23 de xullo de 2026 no Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol, dentro do Programa Oficial de Doutoramento en Física Aplicada da Universidade da Coruña.

O tribunal estivo composto por Esther Barrena, investigadora do Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona (ICMAB-CSIC), como presidenta; Belén Montero, investigadora do Grupo de Polímeros da Universidade da Coruña, como secretaria; e Alberto Davide Scaccabarozzi, profesor asistente do Politecnico di Milano, como vogal.

A tese, que recibiu a cualificación de sobresaínte, contribúe a ampliar o coñecemento sobre os polímeros semicondutores e abre novas posibilidades para o desenvolvemento de dispositivos de electrónica orgánica máis resistentes e duradeiros, ao tempo que reforza o papel do Campus Industrial de Ferrol na investigación en materiais avanzados.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.