logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Reunión CITENI - CICA
CITENI UDC 10 de Marzo de 2025

O CITENI e o CICA estreitan lazos para fortalecer a investigación conxunta en ciencia dos materiais

O CITENI e o CICA estreitan lazos para fortalecer a investigación conxunta en ciencia dos materiais

Persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña reuniuse no Campus Industrial de Ferrol para fortalecer a cooperación no ámbito da ciencia dos materiais, compartir avances nas súas liñas de investigación e explorar sinerxías para futuros proxectos conxuntos.

O Salón de Graos da Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol acolleu este luns, 10 de marzo, unha reunión entre investigadores e investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA). O obxectivo principal foi facilitar o coñecemento mutuo e explorar posibles puntos de encontro nas súas respectivas liñas de investigación.

Durante a apertura do acto, Armando Yáñez, director do CITENI, destacou o esforzo da organización e a resposta positiva da comunidade investigadora. Así mesmo, comentou que esta reunión vai permitirácoñecer en maior profundidade as actividades de cada centro e encontrar áreas en que se poida colaborar. En particular, subliñou a importancia de abordar as oportunidades de cooperación desde a perspectiva científico-técnica do CITENI, que se centra na investigación aplicada en tecnoloxías avanzadas e a súa transferencia cara ao ámbito industrial.  De igual maneira, na súa intervención, Yáñez lembrou unha cita de Francis Bacon: «O verdadeiro fin e a función da ciencia reside non en discursos plausibles, divertidos, memorables ou cheos de efecto ou en supostos argumentos evidentes, senón no obrar e traballar para o descubrimento de datos ata agora descoñecidos que dean unha bagaxe e sirvan de axuda para a vida». Tamén fixo fincapé na importancia da enxeñaría para transformar o coñecemento en solucións aplicadas que beneficien a sociedade.

Pola súa banda, Jaime Rodríguez González, director do CICA, agradeceu a iniciativa e subliñou o valor deste tipo de encontros para examinar de maneira exhaustiva as liñas de traballo de cada grupo e as infraestruturas dispoñibles en ambos os centros. Nas súas palabras, estas reunións permiten fortalecer a colaboración e aproveitar ao máximo os recursos existentes.

COMPARTINDO AVANCES EN CIENCIA DE MATERIAIS

Durante o evento, o persoal investigador dos dous centros presentou as súas respectivas liñas de investigación no campo da ciencia de materiais, destacando o traballo dos seus grupos nas áreas do desenvolvemento de novos compostos, as aplicacións avanzadas e as novas tecnoloxías para o estudo e procesamento de materiais.

Entre os grupos de investigación participantes estiveron os seguintes:

  • Polímeros
  • Química Biolóxica (QUIMBIO)
  • Materials and Renewable Energy for Engineering, Environment and Sustainability (MARES)
  • NanoQuímica BioInspirada (BioNanoChem)
  • Solid State Chemistry & Materials (UdcSolids)
  • Enxeñaría Supramolecular (SUPREN)
  • Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL)
  • Investigación de Produtos Naturais Mariños (PRONAMAR)
  • Bio-Based Products ( BBP)

O evento foi moderado por Jaime Martín, Oportunius Research Professor e membro do Grupo de Polímeros do CITENI, e Paco Fernández-Trillo, investigador do grupo BioNanoChem do CICA. Ambos foron impulsores desta iniciativa, cuxo propósito é fomentar o diálogo e a colaboración entre as unidades de investigación dos centros en que traballan.

PORTAS ABERTAS A FUTURAS COLABORACIÓNS

O encontro rematou cunha visita aos laboratorios do CITENI, o que permitiu coñecer as súas infraestruturas e os equipos de que dispoñen. A valoración xeral foi moi positiva e púxose de relevo a importancia destes encontros para fortalecer a cooperación e a transferencia de coñecemento. A previsión é que a próxima xuntanza teña lugar na Coruña, na sede do CICA, co obxectivo de consolidar este intercambio nun ciclo regular de xornadas de colaboración. Este foi un primeiro paso cara a futuras colaboracións que permitirán reforzar as sinerxías.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.