O Laboratorio de Enxeñería Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), con sede no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), renovou a súa colaboración coa empresa francesa Pixee Medical. Desenvolverá un programa de simulación destinado á colocación de próteses de xeonllo. Permitirá predicir o movemento e as forzas exercidas polo fémur e a rótula despois do tratamento. O obxectivo é optimizar os tratamentos ortopédicos e mellorar as ferramentas de cirurxía.
O investigador principal do proxecto é Florian Michaud, especialista en biomecánica con experiencia no deseño de instrumentación para cirurxía ortopédica e simulación do movemento humano por computador. Contará co apoio de membros de LIM, laboratorio cunha sólida traxectoria en modelización e dinámica de sistemas multicorpo: unha disciplina que permite simulacións computacionais de alto rendemento de sistemas mecánicos móbiles, neste caso aplicados ao movemento humano.
UNHA ALIANZA QUE DÁ OS SEUS FROITOS
Pixee Medical xa colaborara co grupo de investigación en 2023. O primeiro proxecto propiciou a publicación de dous artigos científicos e un premio á mellor comunicación científica en biomecánica no XXIV Congreso Nacional de Enxeñaría Mecánica.
Con este novo acordo, Pixee Medical busca integrar as simulacións avanzadas desenvolvidas por persoal investigador do LIM nos seus produtos comerciais. O obxectivo final é dotar os/as profesionais de cirurxía ortopédica de ferramentas de simulación de vangarda, que melloren a precisión e a eficacia das intervencións cirúrxicas.
PIXEE MEDICAL: TECNOLOXÍA DE VANGARDA PARA CIRURXÍA ORTOPÉDICA
Desde 2018, Pixee Medical especialízase en tecnoloxías de visualización 3D e realidade aumentada para a colocación de implantes. O seu primeiro produto, Knee+, destinado á artroplastia total de xeonllo, foi utilizado en máis de 10.000 intervencións en 20 países; en Europa, Estados Unidos, Australia e A India. En 2023, a empresa desenvolveu Shoulder+, unha solución similar destinada á prótese de ombreiro.
Grazas á súa constante innovación, Pixee Medical recadou 14 millóns de euros de investimento en 2024 e consolídase como un referente en tecnoloxías disruptivas para a cirurxía ortopédica.
O TALENTO DETRÁS DO PROXECTO: FLORIAN MICHAUD
Florian Michaud, líder desta colaboración, graduouse en Enxeñaría Mecánica e Ergonomía na Universidade de Belfort-Montbéliard (Francia) en 2014. Tras unha etapa en Onefit Medical, onde traballou no deseño de instrumentos para cirurxía ortopédica, uniuse ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica da UDC. En 2020, doutorouse e a súa tese foi galardoada como Mellor Tese de Doutoramento pola Cátedra de Traumatoloxía do Deporte UDC-HM. Actualmente, investiga a modelaxe avanzada de próteses de xeonllo, grazas a un contrato de investigación financiado polo Campus Industrial de Ferrol.
UN POLO DE INNOVACIÓN EN BIOMECÁNICA EN FERROL
O LIM, situado no Campus Industrial de Ferrol, destaca pola súa capacidade para desenvolver solucións avanzadas en simulación multicorpo, especialmente en biomecánica e áreas relacionadas. Esta nova colaboración con Pixee Medical reforza o papel do CITENI como un actor relevante na transferencia de coñecemento e tecnoloxía cara á industria.
Con este novo acordo, a Universidade da Coruña e Pixee Medical reafirman o seu compromiso pola investigación aplicada para o desenvolvemento de ferramentas que contribúan a mellorar a práctica médica e a calidade de vida das persoas.