logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Na imaxe de esquerda a dereita: Feliciano Fraguela, Julio Barreiro, Sonia Zaragoza e Vicente Díaz no Campus Industrial de Ferrol.
CITENI UDC 21 de Novembro de 2024

Persoal investigador da UDC propón unha metodoloxía innovadora para a mellora da eficiencia enerxética no transporte marítimo

Persoal investigador da UDC propón unha metodoloxía innovadora para a mellora da eficiencia enerxética no transporte marítimo

O novo procedemento permite monitorizar en tempo real o rendemento enerxético e as emisións dos buques. A investigación, publicada na revista Journal of Marine Science and Engineering, busca facer o sector máis sostible e adaptalo mellor ás normativas ambientais internacionais

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña (UDC) publicou recentemente no Journal of Marine Science and Engineering o artigo titulado “Energy Efficiency Operational Indicator Resilient, Ship Emissions under Control”, que aborda o control da eficiencia enerxética no transporte marítimo.

O traballo, realizado en coautoría por Julio Barreiro e Vicente Díaz, do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), e por Feliciano Fraguela e Sonia Zaragoza, do Grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN), forma parte da tese de doutoramento de Julio Barreiro, dirixida por Sonia Zaragoza (INGEN) e Vicente Díaz (GII).

UNHA METODOLOXÍA QUE MELLORA A MEDICIÓN DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DOS BUQUES

A investigación busca desenvolver un procedemento de cálculo multidisciplinar, automatizado e controlado en tempo real, do indicador operacional de eficiencia enerxética (Energy Efficiency Operational Indicator, EEOI, en inglés) que estableceu a Organización Marítima Internacional (IMO). Este indicador, que relaciona o combustible que se consome co traballo de transporte que se realiza, enfronta problemas de fiabilidade debido á variabilidade nos criterios que utilizan as compañías navieras, como a interpretación do valor da carga transportada ou as condicións operativas dos barcos.

Para superar estas limitacións, o equipo propón un método en dúas fases que selecciona valores representativos do EEOI na navegación do buque, en función de diversas condicións e características do transporte (como a velocidade do barco, a carga e o modo de operación) e implementa os cálculos nun sistema ciberfísico con sensores avanzados e software especializado, que recompilan e analizan o EEOI en tempo real.

CONTROL CONTINUO DO RENDEMENTO ENERXÉTICO MEDIANTE GRÁFICOS DE CONTROL

A investigación tamén destaca a importancia de empregar gráficos de control de media móbil ponderada exponencialmente (Exponential Weighted Moving Average, EWMA, en inglés), unha técnica estatística semellante a un “termómetro intelixente” que monitoriza continuamente a eficiencia enerxética e as emisións dos buques. Analiza os datos tanto actuais como históricos para detectar pequenas variacións ou tendencias. Se un buque comeza a contaminar máis do normal, o gráfico EWMA pono de manifesto, de xeito que é posible actuar sobre o problema antes de que se agrave.

O conxunto das dúas medidas permite implantar melloras continuas moito máis eficaces e garantir así o cumprimento dos obxectivos e as normativas ambientais. Con esta metodoloxía, o traballo achega unha solución innovadora para a mellora da eficiencia enerxética e ambiental no transporte marítimo, un sector chave que move máis do 85 % das mercadorías a nivel global e que afronta desafíos cada vez máis esixentes para satisfacer as directrices sobre o coidado do medio mariño da IMO.

Referencia: Barreiro Montes J, Fraguela Diaz F, Diaz-Casas V, Zaragoza S. Energy Efficiency Operational Indicator Resilient, Ship Emissions under Control. Journal of Marine Science and Engineering. 2024; 12(10):1753. https://doi.org/10.3390/jmse12101753

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.