logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
En la imagen, de izquierda a derecha, el equipo investigador del LIM que desarrollará los exoesqueletos del proyecto EXOCARE: Florian Michaud, Javier Cuadrado (investigador principal), Urbano Lugrís y Lucas Porzio (estudiante de grado)
CITENI UDC 26 de Marzo de 2026

Exoesqueletos para coidar a quen coida: a investigación do CITENI, nun proxecto europeo de saúde laboral

Exoesqueletos para coidar a quen coida: a investigación do CITENI, nun proxecto europeo de saúde laboral

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) desenvolverá exoesqueletos para reducir as lesións entre as e os profesionais do eido sanitario e as persoas coidadoras.

A iniciativa forma parte do proxecto europeo Interreg EXOCARE_GNP, coordinado pola Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), en que participan outras nove entidades de Galicia e o norte de Portugal.

A Coruña, 26 de marzo de 2026.A enxeñaría que se desenvolve no Campus Industrial de Ferrol terá un papel decisivo nun dos novos proxectos europeos que se centran no ámbito dos coidados. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), a través do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM), será o encargado de deseñar e construír os exoesqueletos do proxecto internacional EXOCARE_GNP, financiado polo programa Interreg con fondos Feder.

A iniciativa parte da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), centro adscrito á universidade, e aborda un problema crecente: o elevado número de lesións músculo-esqueléticas que sofren as e os profesionais da sanidade e as persoas coidadoras ao mobilizar pacientes en hospitais, residencias e domicilios.

O proxecto, cun orzamento superior a 1,3 M€, desenvolverase ata 2028. Levarao a cabo un consorcio internacional que reúne entidades sanitarias, centros de investigación e asociacións de Galicia e o norte de Portugal.

Entre as socias do consorcio atópanse a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, a Universidade da Coruña, a Unidade Local de Saúde do Alto Ave (Portugal) e a Universidade do Minho, xunto a entidades como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Política Social e Igualdade –a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria– da Xunta de Galicia. Completan a alianza a Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave e o Digital Transformation CoLAB (DTx CoLAB), en Portugal, e o Clúster Saúde de Galicia (CSG), todos eles organismos comprometidos coa mellora das condicións laborais de quen coida as persoas dependentes.

Do laboratorio aos hospitais: oito prototipos antes de 2027

O equipo de biomecánica do LIM, integrado polos investigadores Javier Cuadrado, Florian Michaud e Urbano Lugrís, ademais do estudante de grao Lucas Porzio, asumirá unha das tarefas centrais do proxecto: deseñar e fabricar oito unidades do prototipo de exoesqueleto que se utilizará nas probas reais.

Os oito exoesqueletos estarán listos para ser avaliados por profesionais en contornas asistenciais durante o último trimestre de 2026, coa colaboración do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Unidade Local de Saúde do Alto Ave en Portugal, baixo a coordinación do consorcio liderado pola ERLAC.

Tras esa fase de probas, o equipo analizará os resultados e realizará os axustes necesarios para definir a versión final do dispositivo antes de que conclúa o proxecto en 2028.

Un exoesqueleto lixeiro, flexible e pensado para o uso diario

A diferenza doutros desenvolvementos robóticos máis complexos, o dispositivo que se propón será previsiblemente un exoesqueleto pasivo, sen motores, lixeiro e flexible, con materiais téxtiles e estruturas de baixo peso.

A clave está en que o exoesqueleto permita redistribuír as cargas que asume o persoal sanitario e evitar que adopte posturas forzadas ao mobilizar pacientes, para limitar así a presión sobre as vértebras lumbares. Deste xeito, redúcese o risco de lesións que hoxe constitúen a principal causa de baixa laboral no sector.

A proposta conecta cunha traxectoria consolidada do LIM no campo da biomecánica do movemento humano, que comezou en 2007. O grupo traballou anteriormente no desenvolvemento dun exoesqueleto activo para asistir á marcha de persoas con lesión medular, unha experiencia de alta complexidade tecnolóxica, a diferenza da solución que agora se persegue, máis lixeira e accesible, orientada ao ámbito sociosanitario.

Financiamento e compromiso institucional

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica contará con máis de 157 000 € de financiamento europeo, procedente dos fondos Feder, aos que se suma a achega da propia Universidade da Coruña (UDC).

Máis aló das cifras, EXOCARE_GNP sitúa a UDC nunha posición estratéxica dentro da cooperación Galicia-Norte de Portugal, ao combinar o coñecemento social da ERLAC coa enxeñaría avanzada do CITENI no Campus Industrial de Ferrol.

Reducir as lesións, mellorar as condicións laborais e dignificar o traballo de quen coida son os obxectivos finais dunha tecnoloxía que, nos próximos anos, comezará a probarse fóra do laboratorio, en hospitais e residencias desta área xeográfica.

Sobre o LIM

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI combina a súa experiencia en materia de dinámica de sistemas multicorpo e simulación por ordenador con investigación aplicada en automoción, maquinaria, aplicacións marítimas e biomecánica. Neste último ámbito, o laboratorio desenvolve modelos músculo-esqueléticos, análise do movemento humano e animal, análise de exoesqueletos, órteses activas e sistemas de sensorización aplicables á saúde e a rehabilitación. Desta traxectoria xorde a empresa derivada (spin-off) Motion and Force Engineering Solutions (MFES), que traslada os avances deste laboratorio ao mercado mediante proxectos, servizos e produtos relacionados coa captura e a análise de movemento, a modelaxe e a simulación músculo-esquelética, ademais do deseño e a avaliación de dispositivos asistidos.

+info:

CITENI: https://citeni.udc.es/laboratorios/ingenieria-mecanica-lim/
LIM: https://lim.ii.udc.es/research.es.html
MFES: https://mfes.es/

 

* Na imaxe superior, de esquerda a dereita, o equipo investigador do LIM quen desenvolverá os exoesqueletos do proxecto EXOCARE: Florian Michaud, Javier Cuadrado (investigador principal), Urbano Lugrís e Lucas Porzio (estudante de grao).

**Na imaxe inferior, o equipo investigador revisa parte das pezas que formarán parte dos oito prototipos de exoesqueleto para o proxecto EXOCARE.

Equipo de investigación EXOCARE
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.