logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
CITENI UDC 12 de Xullo de 2024

O CITENI investiga bioplásticos xerados por bacterias a partir de residuos

O CITENI investiga bioplásticos xerados por bacterias a partir de residuos

O evento intermedio do proxecto europeo Waste2BioComp, organizado pola UDC e a consultora Magellan Circle, que tivo lugar este mes no campus de Ferrol, destacou os avances na transformación de residuos orgánicos en biopolímeros. Coa participación de 13 organizacións de seis países, o proxecto promove a substitución dos plásticos convencionais e a colaboración entre empresas e institucións para un futuro máis verde e dixital.

Recentemente organizouse no campus de Ferrol o evento intermedio do proxecto europeo Waste2BioComp, da man da Universidade da Coruña (UDC) e a consultora Magellan Circle. Inaugurado pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Isabel Ares, contou coa participación do director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez González, e a responsable do proxecto na UDC, Belén Montero.

Waste2BioComp, coordinado polo Centro Tecnológico das Indústrias Têxtil e do Vestuário de Portugal (CITEVE), ten como obxectivo investigar a transformación de residuos orgánicos en materias primas para a fabricación sostible de novos produtos. En total, 13 organizacións de seis países participan neste proxecto financiado polo programa Horizonte Europa, cun orzamento total de case 6 M€, dos cales máis de 370 000 € corresponden á UDC. O proxecto apoia a transición cara a un novo paradigma de produción industrial: verde e dixital.

O EVENTO INTERMEDIO DE WASTE2BIOCOMP

A primeira xornada do evento, que tivo lugar o 2 de xullo, estivo dedicada a unha reunión interna dos membros do consorcio, en que se compartiron avances. A segunda xornada, o 3 de xullo, foi aberta ao público e tivo como obxectivo principal achegar os primeiros resultados do proxecto a representantes de empresas invitadas. Os membros do consorcio amosaron como os procesos desenvolvidos poden ser implementados nas cadeas industriais das empresas, con vistas a facilitar a transferencia tecnolóxica e a introdución destes novos materiais no mercado.

Durante o evento, destacouse que, tras dous anos de desenvolvemento, Waste2BioComp acadou avances significativos, coa produción de prototipos en todas as cadeas de valor. Entre os logros do proxecto cabe citarmos espumas para soletas de calzado deportivo, filmes e un bol ríxido para envase e embalaxe, ademais de fibras para a industria téxtil e tintas ecolóxicas.

Apertura do evento intermedio do proxecto europeo Waste2Biocomp.

BACTERIAS QUE FABRICAN BIOPLÁSTICOS

O Laboratorio de Polímeros do CITENI investiga os métodos de procesamento do polihidroxibutirato, un biopolímero da familia dos polihidroxialcanoatos (PHA) que podería substituír os plásticos tradicionais derivados do petróleo. Da bioxénese destes materiais, producidos por bacterias durante a fermentación de azucres ou lípidos, encárgase o socio do consorcio Hochschule Kaiserslautern University of Applied Sciences de Alemaña. Estes biopolímeros son biodegradables e respectuosos co medio ambiente, polo que ofrecen unha alternativa sostible aos plásticos convencionais.

A UDC lidera a preparación de bioprecursores, a fabricación e a obtención de prototipos, e o control dos procesos de biodegradación e compostaxe dos materiais desenvolvidos. O grupo de investigación xa ensaia a preparación de compoñentes de base biolóxica para crear películas orgánicas destinadas á fabricación de envases e traballa na caracterización dos materiais, así como tamén nos ensaios de biodegradación.

TRANSFERENCIA Á SOCIEDADE

A investigadora responsable, Belén Montero, subliñou a importancia desta última fase do proxecto: “Na recta final, o noso labor é facer chegar o produto e os métodos para obtelo a aquelas empresas que sexan potenciais clientes, é dicir, que estean interesadas en incorporar este tipo de produtos nas súas cadeas de fabricación. O obxectivo final é, por suposto, chegar á sociedade”.

O evento intermedio de Waste2BioComp non só destacou polos avances presentados, senón tamén por fomentar un espazo de diálogo e colaboración entre empresas e institucións, crucial para o éxito e a implementación de solucións sostibles en diversos sectores industriais.

*Imaxe de portada: Persoal investigador e representantes do consorcio do proxecto europeo Waste2Biocomp. Á dereita, a investigadora responsable do proxecto na UDC, Belén Montero.