logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Jon García Urbieta GKN Automotive Zumaia
CITENI UDC 29 de Xullo de 2024

Unha tese industrial do CITENI e GKN innova co emprego de xemelgos dixitais para a análise térmica de motores eléctricos

Unha tese industrial do CITENI e GKN innova co emprego de xemelgos dixitais para a análise térmica de motores eléctricos

Unha investigación do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) desenvolvida en colaboración con GKN Automotive Zumaia propón o uso de xemelgos dixitais para controlar a temperatura en puntos críticos dos motores eléctricos, co obxectivo de mellorar a súa seguridade e eficiencia. O tribunal da tese, composto por expertos da Universidade de Vigo (Uvigo), a Universidade de Navarra (UNAV) e a Universidade da Coruña (UDC), eloxiou o potencial impacto do traballo na industria dos vehículos eléctricos

A Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol foi o escenario elixido, o pasado 23 de xullo, para a defensa da tese de doutoramento industrial de Jon García Urbieta, titulada “Digital Twins for the Thermal Analysis of Permanent Magnet Synchronous Motors”. Esta tese aborda a xestión térmica dos motores de imán permanente, empregados amplamente nos vehículos eléctricos. Esta tese aborda a xestión térmica dos motores de imán permanente, empregados amplamente nos vehículos eléctricos.

Os motores de imán permanente son motores eléctricos en que o campo magnético do rotor é proporcionado por imáns permanentes en lugar de bobinas de fío. Utilízanse sobre todo nos vehículos eléctricos debido á súa alta eficiencia, o seu tamaño compacto e a súa fiabilidade. Porén, un dos principais retos destes motores é a xestión térmica, xa que a acumulación de calor en puntos críticos pode elevar a temperatura por riba dos límites seguros.

Jon García Urbieta levou a cabo esta investigación baixo a dirección de Fran González Varela, do Laboratorio de Ingeniería Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnologías Navales e Industriales (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), e Sergio Armentia Cerio, de GKN Automotive Zumaia. Alí traballa no desenvolvemento de transmisións eléctricas para vehículos.

O tribunal, composto por Alejandro Gómez Yepes (Universidade de Vigo), Nere Gil-Negrete Laborda (Universidade de Navarra) e Daniel Dopico Dopico (Universidade da Coruña), destacou a calidade e a relevancia do traballo presentado. A investigación de Jon García céntrase nos fenómenos térmicos que lles afectan aos motores durante o seu funcionamento e subliña a importancia de controlar a acumulación de calor en puntos críticos para evitar non só o desgaste, senón tamén danos irreversibles.

Dada a imposibilidade de medir directamente a temperatura en puntos vulnerables do motor, García propuxo o emprego de xemelgos dixitais, os cales combinan modelos teóricos con medicións reais de sensores, que si se poden instalar no motor. Isto permite facer unha estimación precisa da temperatura naqueles puntos críticos. Ademais, os xemelgos dixitais son capaces de adaptarse a cada motor concreto, ver a súa evolución e reflectir o seu avellentamento segundo os ciclos de uso.

Os métodos desenvolvidos foron validados en bancos de ensaios ciberfísicos, onde se someteu motores reais a probas mediante a interacción con simulacións da dinámica do vehículo. Esta innovadora aproximación foi eloxiada polo tribunal, que valorou a aplicabilidade práctica e o potencial impacto na industria dos vehículos eléctricos do traballo defendido.

A defensa da tese de Jon García Urbieta non só representa un avance significativo na investigación académica, senón tamén unha contribución clave ao desenvolvemento tecnolóxico no sector dos vehículos eléctricos. Este logro destaca a importancia das teses industriais: pescudas aplicadas realizadas en colaboración entre a academia e a industria para resolver problemas reais, co obxectivo de avanzar cara a un futuro máis sostible e eficiente.