O CITENI invita a descubrir a ciencia e a tecnoloxía durante a G-Night con obradoiros interactivos en Ferrol e A Coruña
O CITENI invita a descubrir a ciencia e a tecnoloxía durante a G-Night con obradoiros interactivos en Ferrol e A Coruña
O último venres de setembro ten lugar a Noite Europea das Persoas Investigadoras, un evento a nivel da UE que busca achegar a ciencia á cidadanía a través de diversas actividades de divulgación científica e tecnolóxica. Este ano, o 27 de setembro, terá lugar unha nova edición en máis 400 cidades de toda Europa.
Baixo o lema “Conciencias creativas”, Galicia únese, por cuarto ano consecutivo, a esta celebración científica e tecnolóxica en que participan as tres universidades galegas (USC, UVigo e UDC), así como outros institutos e centros de investigación da nosa comunidade. Durante toda a xornada, o persoal investigador destas institucións levará a cabo experimentos e actividades de divulgación e entretemento científico-tecnolóxico en campus, rúas, prazas, museos e bares das sete principais cidades galegas: Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol.
O CITENI abrirá as portas dos seus laboratorios en Ferrol e A Coruña, cunha oferta de preto de 1000 prazas que permitirán a grupos escolares e público familiar coñecer as súas instalacións e descubrir as distintas ramas da enxeñaría en que investiga o Campus Industrial de Ferrol. Ademais, as e os visitantes terán a oportunidade de interactuar co persoal investigador, que explicará os seus avances e proxectos a quen participe nesta festa da ciencia e a tecnoloxía.
OBRADOIROS DO CITENI EN FERROL
Dez son as actividades que o CITENI realizará en Ferrol. O horario será de 10:00 a 14:00 horas para recibir os centros de ensino (primaria, secundaria e formación profesional), e de 17:00 a 20:00 horas para o público familiar. En total, ofreceranse os seguintes 10 obradoiros:
- “Navegando por un mar en miniatura: modelos de barcos a escala no canal de ensaios”, impartido por persoal investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) no Canal de Experiencias Hidrodinámicas do CITENI.
- “Taller de robótica intelixente”, que terá lugar no Laboratorio de Robótica, a cargo de personal investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información y as Comunicacións (CITIC).
- “Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D”, no Laboratorio de Plásticos.
- “A luz que cambia a materia”, a cargo do grupo do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL).
- “Este sólido está moi líquido?”, impartido por persoal do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM).
- “Unha viaxe do asfalto ao mar: ensaiando motores eléctricos e redes de pesca sen saír do laboratorio”, que terá lugar no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM).
- “Foise con vento”, que presentará o persoal investigador do Laboratorio de Fluídos.
- “Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade”, a cargo de investigadores/as do grupo especializado en Física e Tecnoloxía Nuclear e de Altas Enerxías (FiTNAE).
- “Obradoiro de matemáticas”, ofrecido por un grupo de investigadores/as do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
- “Polímeros superheroes: como os polímeros revolucionan o día a día”, que impartirá o Grupo de Polímeros no seu laboratorio.
TALLERES E CHARLAS DO CITENI NA CIUDADE HERCULINA
Na Coruña, o CITENI tamén ofrecerá obradoiros e charlas para as e os participantes na G-Night.
- O Grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN) do CITENI mostraralles a grupos de estudantes o funcionamento dun buque a través dun simulador. Este obradoiro, titulado: “¿Realmente sabemos como funciona un barco? Vén descubrilo no simulador avanzado da ETS de Náutica e Máquinas”, terá lugar neste centro do Campus de Riazor, en horario de 10:00 a 13:00 horas.
- O Grupo de Polímeros do CITENI participará tamén con dúas charlas dentro da sesión de relatorios que se realizará, a partir das 18:00 horas, en diferentes localizacións da cidade herculina. .
- “Bioplásticos e plásticos. Que son e como poden axudarnos?”, presentada por Belén Montero e Danny Moncada (bar La Olímpica).
- “Como conseguir placas solares máis sostibles”, a cargo de Jesika Asatryan (MUNCYT).
Toda a programación do evento e a información sobre como inscribirse están dispoñibles na web: https://gnight.gal/programacion.