Os investigadores do Grupo de Sistemas Térmicos e Transferencia de Calor do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña Pablo Fariñas e Javier García acadaron a concesión da patente “Sistema de termoestabilización dunha carga no seo dun fluído dieléctrico”, unha tecnoloxía para a refrixeración de compoñentes electrónicos de alta potencia térmica baseada no principio de ebulición a temperatura constante dun fluído dieléctrico.
Esta tecnoloxía, nomeada freeCool, funciona utilizando a ebulición dun fluído dieléctrico dentro dun recipiente selado herméticamente para manter os compoñentes electrónicos a temperatura constante e óptima para o seu funcionamento. Así, cando este líquido empeza a ferver, a súa temperatura mantense constante e a calor adicional, en lugar de incrementar a temperatura, vaporízase. Ademais, o exterior do recipiente podería arrefriarse utilizando auga corrente, xa que en ningún momento entra en contacto cos compoñentes electrónicos nin co fluído dieléctrico.
Este método supón unha vantaxe con respecto a outras técnicas de arrefriamento, como o uso de aire acondicionado e os sistemas de inmersión líquida convencionais, que teñen un rendemento inferior e requiren un subministro de enerxía adicional
APLICACIÓNS POTENCIAIS
Este novo sistema podería ter unha ampla gama de aplicacións, incluíndo centros de datos, súper computadoras, minería de criptomoedas, intelixencia artificial, electrónica de potencia en diversas industrias, tales como a distribución eléctrica, o transporte, os vehículos eléctricos, os equipos militares, etc.
Ademais, unha característica distintiva de freeCool é a súa capacidade para funcionar en vehículos en movemento e incluso boca abaixo, algo que non poden facer outros sistemas de arrefriamento.
En resumo, freeCool preséntase como unha solución innovadora e eficiente para a refrixeración de compoñentes electrónicos de alta potencia, ofrecendo unha temperatura de funcionamento constante, una redución significativa da densidade de potencia térmica e un potencial de funcionamento sen consumo enerxético en determinadas condicións.
REXISTRO A TRAVÉS DA OTC DA UDC
Cómpre mencionar que esta patente foi rexistrada pola Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da UDC, que é o servizo encargado de xestionar as solicitudes de títulos de protección industrial e intelectual.
A OTC creouse en 1991 como un organismo de intermediación entre a Universidade e a Empresa, co obxectivo fundamental de favorecer as relacións entre os dous sectores, promovendo a transferencia da oferta científico-técnica universitaria ao sector produtivo.