logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
En la imagen de izquierda a derecha: Belén Montero, Anja Schmidt y Danny Moncada, parte del equipo de coautores del artículo publicado en ACS Omega, junto a la máquina universal de ensayos mecánicos del laboratorio de Biopolímeros del CITENI.
CITENI UDC 2 de Maio de 2025

Persoal investigador do CITENI e do Leibniz-Institut desenvolven un bioplástico autorreforzado para envases sostibles

Persoal investigador do CITENI e do Leibniz-Institut desenvolven un bioplástico autorreforzado para envases sostibles

Un equipo do CITENI da Universidade da Coruña e do Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe de Alemaña desenvolveu un bioplástico cunha estrutura interna reforzada sen necesidade de incorporar aditivos externos. O avance, publicado na revista científica ACS Omega, abre novas posibilidades para fabricar envases industriais biodegradables e máis fáciles de reciclar

O Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), integrado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), desenvolveu un novo bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos.
Os resultados do estudo foron publicados na revista científica ACS Omega (Q2 no índice de impacto) co título: “Self-Reinforced Biocomposites Made from Poly(3-hydroxybutyrate-co-3-hydroxyvalerate) (PHBV): An Innovative Approach to Sustainable Packaging Production through Melt Processing” [“Biocompostos autorreforzados de poli(3-hidroxibutirato-co-3-hidroxivalerato) (PHBV): un enfoque innovador para a produción sostible de envases mediante o procesamento por fusión”].

Este traballo, enmarcado no proxecto europeo Waste2BioComp (W2BC), forma parte da tese de doutoramento da investigadora Anja Schmidt e desenvolveuse en colaboración co Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH de Alemaña. No artigo tamén participa como persoal investigador coautor: Birgit Bittmann-Hennes, Danny Moncada e Belén Montero.

BIOPLÁSTICOS REFORZADOS, SEN ADITIVOS

O estudo céntrase no desenvolvemento dun biocomposto autorreforzado a partir do biopolímero PHBV (polihidroxibutirato-co-polihidroxivalerato), un material de orixe natural completamente biodegradable. A innovación reside en integrar micropartículas do propio PHBV na súa matriz para mellorar o comportamento mecánico e as propiedades de barreira do biopolímero fronte ao osíxeno e o vapor de auga, aspectos fundamentais para prolongar a conservación dos alimentos envasados.

Este enfoque científico permite reforzar o material sen engadir plásticos convencionais nin outros aditivos, o que facilita tanto reciclalo como compostalo. A diferenza dos envases multicapa tradicionais —difíciles de reciclar pola combinación de materiais distintos—, o novo biocomposto mantén unha composición homoxénea que simplifica xestionalo ao final da súa vida útil.

PRODUCIÓN INDUSTRIAL EFICIENTE A GRANDE ESCALA

Outro aspecto salientable é que a produción destes bioplásticos non require disolventes tóxicos nin procesos custosos. Utilízanse tecnoloxías de transformación amplamente implantadas na industria, como a extrusión e o moldeado por inxección, o que facilita fabricalos a grande escala.

Segundo o equipo investigador: “Conseguimos, por primeira vez no ámbito industrial, incorporar partículas de PHBV nunha matriz do mesmo material mediante un proceso eficiente e compatible coa produción a grande escala”.

CIENCIA GALEGA NUN PROXECTO EUROPEO

Este traballo enmárcase no proxecto europeo Waste2BioComp, que reúne 13 organizacións de seis países co obxectivo de transformar residuos orgánicos e subprodutos en novos biomateriais sostibles. A Universidade da Coruña lidera un paquete de traballo que se centra no desenvolvemento de partículas de PHBV para aplicacións no sector da embalaxe.

Como parte das actividades finais, a investigadora responsable do proxecto na UDC, Belén Montero, participou os días 29 e 30 de abril no evento de peche organizado polo clúster europeo BioMatters baixo o lema “Beyond Waste: Shaping the Future with Bio-Based Materials” en Bruxelas. Alí presentou, xunto co director de I+D de Propagroup SpA, Salvatore Davide Crapanzano, os principais resultados relacionados coa cadea de valor dos plásticos sostibles. Durante a súa intervención, Montero abordou o potencial das solucións baseadas en biopolímeros para substituír materiais fósiles en plásticos tanto ríxidos como flexibles. O mércores 30 de abril tivo lugar o encontro interno do consorcio, en que se analizaron os avances e as futuras liñas de traballo.

Con este avance, o Grupo de Polímeros do CITENI reafirma o seu compromiso coa investigación de materiais máis sostibles e co desenvolvemento de solucións innovadoras que achegan a industria do envasado aos principios da economía circular.

Referencia:
Self-Reinforced Biocomposites Made from Poly(3-hydroxybutyrate-co-3-hydroxyvalerate) (PHBV): An Innovative Approach to Sustainable Packaging Production through Melt Processing
ACS Omega – Vol 9 / Issue 52
https://pubs.acs.org/doi/10.1021/acsomega.4c05957?ref=PDF

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.