Ocean Engineering destaca un estudo do CITENI para deseñar redes de pesca máis sostibles e eficientes
Ocean Engineering destaca un estudo do CITENI para deseñar redes de pesca máis sostibles e eficientes
O sector pesqueiro enfronta o desafío de optimizar as súas prácticas para reducir o impacto ambiental e mellorar a eficiencia no uso de recursos. Nesta liña de investigación, o doutorando Francisco Bottero e o seu titor de tese, Manuel González, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), que traballan no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), lograron un avance significativo que podería transformar o deseño das redes de arrastre. O estudo, titulado “Hidrodinámica de paneis de rede de malla romboidal anoada de polietileno”, foi publicado na prestixiosa revista científica Ocean Engineering, que conta cun alto factor de impacto (Q1) no ámbito da enxeñaría oceánica.
O obxectivo da investigación é ofrecer ferramentas precisas para predicir as forzas hidrodinámicas que experimentan as redes de pesca, e evitar a realización de ensaios complexos e custosos en canais de experiencias hidródinámicas, ou mesmo en alta mar.
UN ESTUDO INNOVADOR E EXHAUSTIVO
A investigación centrouse en redes de malla romboidal anoada de polietileno, amplamente utilizadas na pesca de arrastre. A solidez destas redes, que fai referencia á densidade ou compactación da malla, xoga un papel crucial no seu comportamento hidrodinámico. Este parámetro non só depende do grosor do fío, senón tamén do tamaño e a distribución das mallas, o que afecta directamente á resistencia da rede ao moverse pola auga.
Para levar a cabo o estudo, realizáronse experimentos durante tres meses no Canal de Experiencias Hidrodinámicas do CITENI. Empregáronse sete mostras de rede, cada unha cun grao distitno de solidez. En total, efectuáronse aproximadamente 3000 probas de remolque que xeraron uns 1500 puntos de datos experimentais.
FACTORES QUE INFLÚEN NO COMPORTAMENTO HIDRODINÁMICO
Neste estudo avaliáronse diversos factores que afectan o comportamento das redes ao moverse pola auga. Entre estes factores, dous dos máis relevantes son o arrastre e a sustentación. O arrastre é a forza que se opón ao movemento da rede na auga, o que implica un maior consumo de enerxía e combustible. Doutra banda, a sustentación é a forza que tende a elevar a rede, e axuda a que se manteña estable e máis facilmente controlable na auga.
O estudo tamén abordou outros aspectos importantes como a velocidade de fluxo, que se refire á rapidez con que a auga interactúa coa rede, e o ángulo de ataque, que é o ángulo en que a rede se enfronta ao fluxo de auga, o cal inflúe na cantidade de arrastre e sustentación xerados. Ademais, avaliáronse características específicas das redes de malla romboidal, como a orientación e a apertura da malla, factores que tamén afectan o comportamento global da rede ao interactuar coa auga.
Unha das principais conclusións do estudo é que as fórmulas tradicionais utilizadas para calcular as forzas de arrastre e sustentación non son do todo precisas para as redes de malla romboidal. Mentres que en redes de malla simple se adoita asumir que as forzas dependen da solidez elevada ao cadrado ou ao cubo, este tipo de rede presenta unha relación lineal entre as forzas e a solidez. Este achado é clave, xa que permite unha estimación moito máis precisa do comportamento hidrodinámico destas redes.
OPTIMIZACIÓN E SUSTENTABILIDADE PESQUEIRA
O estudo propón unha fórmula empírica que permite calcular con gran precisión os coeficientes de arrastre e sustentación. Este novo modelo matemático brinda aos deseñadores de redes a posibilidade de crearen estruturas máis eficientes, coas cales reducir a resistencia ao avance e optimizar o consumo de combustible. Ademais, ao mellorar o comportamento hidrodinámico das redes, favorécese unha maior selectividade nas capturas, o que contribúe á redución de descartes pesqueiros—capturas non desexadas que, por non cumpriren cos requisitos comerciais ou legais, son devoltas ao mar—. Deste xeito, o avance non só promove unha pesca máis eficiente, senón que tamén apoia a sustentabilidade ao minimizar o impacto ambiental e favorecer a conservación dos ecosistemas mariños.
A publicación en Ocean Engineering resalta a importancia destes achados e demostra como o equipo do LIM, integrado no CITENI da UDC, contribúe significativamente ao estudo da hidrodinámica de redes de pesca. Os resultados obtidos proporcionan novas ferramentas científicas que poden axudar ao sector pesqueiro a mellorar as súas prácticas e avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos recursos mariños.
*Referencia:
https://doi.org/10.1016/j.oceaneng.2025.120793
ACERCA DO LIM
O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) da Universidade da Coruña especialízase na simulación de sistemas mecánicos móbiles mediante a dinámica de sistemas multicorpo, con aplicacións en automoción, biomecánica, maquinaria e sector marítimo. A investigación abarca desde a modelización e formulación de ecuacións do movemento ata a integración numérica e programación, co obxectivo de resolver problemas específicos en cada área. O LIM tamén combina simulación por computador con prototipos físicos e ensaios experimentais, e no ámbito marítimo dedícase á simulación do comportamento de redes de pesca, aparellos e manobras de buques, o cal contribúe a mellorar a eficiencia e sustentabilidade nas prácticas pesqueiras.
ACERCA DO CITENI
O CITENI é un centro de investigación referente no ámbito da enxeñaría e a tecnoloxía, que traballa en estreita colaboración con universidades e empresas para desenvolver solucións innovadoras en diversos campos, especialmente en enxeñaría oceánica, enerxía ou materiais. O seu enfoque na sustentabilidade e a investigación aplicada aos retos actuais da sociedade posiciona o CITENI como un motor clave para o desenvolvemento de tecnoloxías máis verdes e eficientes.


