Ocean Engineering publica unha investigación do CITENI para simular o comportamento de estruturas flotantes amarradas en alta mar
Ocean Engineering publica unha investigación do CITENI para simular o comportamento de estruturas flotantes amarradas en alta mar
No contexto actual do desenvolvemento mariño, as estruturas flotantes son fundamentais para avanzar nos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Co aumento da demanda de enerxía e a exploración de recursos mariños, estas estruturas están a converterse nunha opción relevante para diversas aplicacións, desde parques eólicos mariños ata plataformas de enerxía undimotriz ou granxas acuícolas.
UNHA NOVA METODOLOXÍA QUE MELLORA A PREDICIÓN DO COMPORTAMENTO DE ESTRUTURAS FLOTANTES AMARRADAS
Nun esforzo por comprender e predicir o comportamento destas estruturas en alta mar, o investigador predoutoral do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) Tanausú Almeida realiza a súa tese neste ámbito como doutorando industrial do Campus Industrial de Ferrol (CIF) da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa empresa Coremarine, especializada en software e tecnoloxía para a industria offshore.
Recentemente publicou na prestixiosa revista Ocean Engineering, cualificada como Q1, o artigo “CFD simulation of multiple moored floating structures using OpenFOAM: An open-access mooring restraints library”, realizado en colaboración cos investigadores Haifei Chen, da Universidade de Novo México, e José Luis Cercos Pita, da empresa Coremarine Solutions SL. Os autores ofrecen unha nova perspectiva sobre como simular a resposta dinámica de estruturas flotantes amarradas —fixadas ao leito mariño con cables ou cadeas— con software especializado en dinámica de fluídos computacional (CFD). A investigación, que emprega OpenFOAM e MoorDyn, librarías de código aberto en C++, logra estimar con precisión e rapidez como se comportan plataformas flotantes con sistema de fondeo ante a acción das ondas.
Ata o de agora, a capacidade de simular a interacción entre estruturas flotantes amarradas e interconectadas foi limitada. A tese de Tanausú, dirixida por Anne Gosset e Vicente Díaz —investigadores do GII expertos en mecánica de fluídos e enxeñaría naval, respectivamente—, busca dar resposta a esta necesidade. Co título “Metodoloxía de simulación numérica de plataformas de sistemas de xeración de enerxía offshore”, representa un paso adiante para ampliar as capacidades de traballo do programa OpenFOAM neste ámbito específico.
FOAMMOORING: UN CÓDIGO LIBRE AO DISPOR DA COMUNIDADE CIENTÍFICA
O modelo CFD desenvolvido nesta investigación foi validado comparando as medicións experimentais de dous espigóns flotantes con amarre e os resultados do estudo dun obxecto mergullado remolcado por un buque. A investigación demostrou a precisión e fiabilidade do enfoque proposto, o que abre novas posibilidades para o deseño e a optimización de proxectos mariños complexos.
Un dos logros destacados deste estudo é a ampliación do repositorio de librarías foamMooring para o cálculo das restricións de amarre. Desenvolvidas en código aberto, están ao dispor da comunidade científica e poden utilizarse para simular sistemas multicorpo de tecnoloxías emerxentes de enerxía eólica e undimotriz en alta mar, amais de granxas acuícolas en mar aberto.
Coa publicación deste artigo, o equipo de investigación non só avanzou na comprensión das interaccións complexas de estruturas flotantes en contornas mariñas, senón que tamén creou unha ferramenta valiosa que facilita o seu deseño e optimización. Este avance representa un paso adiante no desenvolvemento de proxectos mariños complexos e abre novas posibilidades para a enxeñaría naval e o aproveitamento responsable dos recursos oceánicos.
*Referencia: https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S0029801824010345?via%3Dihub
*FoamMooring: https://gitlab.com/hfchen20/foamMooring.git