logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
Investigadores del CITENI participantes en el proyecto IGNICIA ECOFROST_B: Álvaro Baaliña (Coordinador del Grupo de Investigación INGEN) y Sonia Zaragoza (Investigadora Individual). [Fotografía cedida por Comunicación CICA].
CITENI UDC 26 de Febreiro de 2024

A enxeñaría enerxética do CITENI súmase ao proxecto IGNICIA: ECOFROST_B do CICA, que propón unha alternativa sustentable á refrixeración con gases fluorados

A enxeñaría enerxética do CITENI súmase ao proxecto IGNICIA: ECOFROST_B do CICA, que propón unha alternativa sustentable á refrixeración con gases fluorados

Investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) colaboran co Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) no desenvolvemento dun prototipo de refrixeración sustentable grazas ao Programa Ignicia da Xunta de Galicia, que seleccionou o proxecto ECOFROST_B do grupo UDCSOLIDOS para levar a cabo unha proba de concepto de viabilidade industrial

Está demostrado que os hidrofluorocarbonos (HFC) e outros gases fluorados prexudican gravemente a saúde do noso planeta. Con todo, a maior parte dos sistemas de refrixeración tradicionais empregan esta tipoloxía de gases. O acordo para a revisión do Regulamento sobre gases fluorados da UE pretende a súa eliminación total para 2050. Esta nova realidade obriga a apostar pola innovación para o desenvolvemento de sistemas de refrixeración naturais e sustentables que favorezan a conservación do medio ambiente.

Na súa última convocatoria (2023), o Programa Ignicia Proba de Concepto da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia seleccionou nove proxectos de innovación entre os que se atopa ECOFROST_B, unha proposta do grupo UDCSOLIDOS do CICA, a única da UDC que acadou financiamento dentro desta convocatoria.

REFRIXERACIÓN NATURAL EFICIENTE

Este novo reto científico-tecnolóxico pretende demostrar a viabilidade industrial dun novo sistema de refrixeración natural con materiais barocalóricos (que alteran a súa temperatura segundo a presión soportada) baseado nos achados do Grupo de Investigación UDCSOLIDOS sobre as propiedades respiro-calóricas dun composto híbrido (metálico e orgánico): o MOF-508b. É capaz de arrefriarse até os -10 °C e quecer até os 56 °C con presións menores, de tan só 16 bar, en comparación con outros materiais barocalóricos que requiren até 1000 bar para conseguir cambios de temperatura.

Cun funcionamento semellante ao dos pulmóns, o material inflaríase ao recibir CO₂ e desincharíase ao expulsalo, o que levaría a xerar un cambio na súa estrutura que provocaría a variación térmica.

O Grupo de Investigación en Enxeñaría Enerxética do CITENI, liderado por Álvaro Baaliña, e a investigadora individual Sonia Zaragoza xa traballan no deseño dun prototipo que permita o funcionamento en continuo do sistema de refrixeración e favoreza a optimización dos procesos de transferencia de calor. Para iso, a configuración do contedor ten que facilitar o contacto do CO₂ co material barocalórico e os procesos de adsorción e desabsorción, alén da transferencia de calor cun fluído portador de calor.

OBXECTIVOS DE ECOFROST_B

O proxecto Ecofrost_B ten como obxectivo acelerar a futura comercialización dunha innovadora tecnoloxía de refrixeración baseada en materiais barocalóricos de estado sólido, que promete reducir as emisións de carbono e mellorar a eficiencia enerxética.

Entre os seus principais obxectivos cabe citarmos:

  • o desenvolvemento dun prototipo de refrixeración para validar o funcionamento dos materiais barocalóricos,
  • a elaboración de fichas técnicas coa información necesaria para os estándares de normalización e as empresas do sector,
  • e a identificación da mellor ruta de comercialización.

Grazas ao Programa Ignicia Proba de Concepto, o proxecto disporá de 433 000 € de financiación durante dous anos, que permitirán o desenvolvemento tecnolóxico do prototipo, así como a posta en marcha dun plan de negocio e a posibilidade de acadar unha licenza de produto, baseada nesta tecnoloxía, para saír ao mercado.

UN EQUIPO DE TRABALLO INTERDISCIPLINAR

O equipo do proxecto está formado por investigadores da UDC que colaboran de xeito interdisciplinar desde dous centros de investigación da institución: o CICA e o CITENI. Eles son: Juan Manuel Bermúdez García (Investigador Principal do proxecto ECOFROST_B do Grupo UDCSOLIDOS-CICA), Manuel Sánchez Andújar (UDCSOLIDOS-CICA), María Antonia Señarís Rodríguez (UDCSOLIDOS-CICA), Socorro Castro García (UDCSOLIDOS-CICA), Álvaro Baaliña Insua (INGEN-CITENI-ETS de Náutica y Máquinas), Ignacio Arias Fernández (INGEN-CITENI-ETS de Náutica y Máquinas), Javier Romero Gómez (INGEN-CITENI-ETS de Náutica y Máquinas), Manuel Romero Gómez (INGEN-CITENI-ETS de Náutica y Máquinas) e María Sonia Zaragoza Fernández (CITENI).

REFERENCIA: Gelpi, M., García‐Ben, J., Rodríguez‐Hermida, S., López‐Beceiro, J., Artiaga, R., Insua, Á. B., Gómez, M. R., Romero‐Gómez, J., Zaragoza, S., Salgado‐Beceiro, J., Walker, J., McMonagle, C. J., Castro-Garcı́A, S., Andújar, M., Señarís‐Rodríguez, M. A., & Bermúdez‐García, J. M. (2023). Empowering CO2 Eco‐Refrigeration with Colossal Breathing‐Caloric‐Like Effects in MOF‐508b. Advanced Materials. https://doi.org/10.1002/adma.202310499

WEB do CICA: https://cica.udc.gal/

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.