logo
Logo de la UDC Logo de CIF Centros de investigación de la UDC: CITIC / CITEEC / CICA

Nuevo Centro de Investigación en Tecnologías Navales e industriales (CITENI) de la Universidad da Coruña (UDC) está ubicado en el Campus Industrial de Esteiro, Ferrol.

VISÍTANOS Campus de Esteiro s/n 15403 Ferrol, a Coruña. 881 01 34 00 citeni@udc.es
El investigador del LIM Fran González asume la nueva dirección técnica del CITENI.
CITENI UDC 5 de Marzo de 2024

O investigador do LIM Fran González asume a nova dirección técnica do CITENI

O investigador do LIM Fran González asume a nova dirección técnica do CITENI

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol anuncia un cambio na súa dirección técnica. A partir de marzo, o investigador do LIM Francisco Javier González Varela releva no cargo á investigadora do GII Anne Gosset, que ata o momento exercera a coordinación e xestión técnica do centro xunto ao director científico, Armando Yáñez Casal

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) comeza unha nova etapa. O investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) Francisco Javier González Varela asume a dirección técnica do centro, cargo que ata o de agora desempeñara a investigadora do Grupo Integrado de Investigación (GII) Anne Gosset.

Tras máis de sete anos de dedicación e compromiso co proxecto de creación dun centro singular de investigación no Campus Industrial de Ferrol, a experta en mecánica de fluídos decidiu poñer fin a un período focalizado na xestión técnica para emprender novos retos profesionais, máis vinculados á súa traxectoria investigadora.

En 2017, Anne Gosset foi nomeada responsable da coordinación dos grupos de investigación que formaban parte do antigo Centro de Investigacións Tecnolóxicas. Desde aquela a evolución deste centro foi considerable, e nos últimos anos, xa como CITENI, experimentou grandes avances. En palabras da propia Anne: “Fomos testemuñas dun notable progreso e crecemento. Nesta última etapa, e grazas ao Convenio de I+D+i da Xunta de Galicia, establecemos a Oficina Técnica do CITENI e consolidamos un equipo de traballo cohesionado que contribuíu enormemente á creación e o recoñecemento do centro, e tamén á participación activa dos grupos e investigadores adscritos. Ademais, a nova estratexia científica propiciou o desenvolvemento de novas investigacións transdisciplinares. Tamén se fortaleceron as alianzas con centros de investigación internacionais e se ampliou significativamente o número de membros adscritos. Co horizonte claro, agora queda continuar o camiño cara á acreditación do centro, que comporta unha importante achega de financiamento para asegurar o progreso das investigacións que se están levando a cabo e favorecer a consolidación dos novos grupos de investigación, aqueles establecidos máis recentemente no centro. Estou segura de que, nesta próxima fase que comeza agora, a dirección científica liderada por Armando Yáñez e a nova dirección técnica encabezada por Fran González unirán forzas para impulsar a misión do centro e alcanzar os nosos obxectivos pendentes”.

O investigador do LAIL Armando Yáñez Casal, director científico do CITENI desde 2021, eloxiou a contribución de Anne Gosset á creación do centro: “Durante os últimos sete anos, Anne Gosset foi un piar fundamental no CITENI. A súa dedicación incansable e o seu forte compromiso foron unha gran forza impulsora que favoreceu a súa evolución, crecemento e consolidación. Agora, tras unha meditada decisión, Anne finaliza unha etapa focalizada na xestión para emprender novos retos profesionais máis vinculados á súa traxectoria investigadora, o cal marca o comezo dun novo período, tanto para ela como para o centro de investigación. O seu liderado inspirador e a súa contribución ao progreso do centro deixarán, sen dúbida, unha pegada indeleble. Ademais, a incorporación de Fran González, quen relevará a Anne no cargo da dirección técnica, supón a continuidade do proxecto do centro e un impulso importante ata alcanzar o obxectivo da acreditación, que nos permitirá abrir a porta a novas iniciativas e novos proxectos, vinculados especialmente coa innovación e a investigación tecnolóxica aplicada”.

O investigador do LIM Francisco Javier González Varela toma agora a remuda e, desde o 1 de marzo, xa é o novo director técnico do CITENI. Declara: “Asumo con optimismo este novo desafío profesional. Agradezo á dirección o camiño labrado e a confianza que depositaron en min para desempeñar este cargo. A miña misión agora é continuar co impulso da estratexia científica do centro, potenciar o desenvolvemento das liñas de investigación que se botou a andar e fomentar a colaboración entre grupos. Traballaremos arduamente para alcanzar o obxectivo da acreditación, un fito crucial que recoñecerá a calidade e a excelencia da nosa actividade investigadora, amais de permitirnos acceder a recursos adicionais para impulsar aínda máis o noso labor científico e tecnolóxico. Estou seguro de que xuntos construiremos un futuro prometedor para o CITENI e continuaremos avanzando no noso compromiso de contribuír ao progreso científico e tecnolóxico da sociedade”. A súa excelencia investigadora e a súa demostrada capacidade para a xestión e o liderado prometen ser fundamentais para atinxir os obxectivos marcados para este novo período.

FRAN GONZÁLEZ E A SÚA TRAXECTORIA INVESTIGADORA

Francisco Javier González Varela é profesor titular da UDC desde 2023. Doutor en Enxeñaría Mecánica, realiza as súas investigacións dentro do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI. É experto en dinámica de sistemas multicorpo (MBS) e cosimulación. A súa traxectoria investigadora levouno a colaborar internacionalmente con universidades e centros á cabeza da investigación na súa especialidade, como a LUT University (Finlandia), o Rensselaer Polytechnic Institute (Estados Unidos) e a McGill University (Canadá). Tras o seu regreso a España, foi investigador Juan de la Cierva e posteriormente Ramón y Cajal na UDC.

Actualmente, pescuda algoritmos para a simulación e a análise de sistemas multifísicos, a cosimulación en tempo real e as probas de compoñentes de hardware en bancos ciberfísicos, tecnoloxías con gran relevancia industrial, especialmente en áreas como a industria automotriz. Dirixiu varias teses de doutoramento e traballos de fin de mestrado e grao vinculados a este ámbito do coñecemento. Ten no seu haber máis de 35 publicacións en revistas científicas e 75 contribucións a congresos internacionais. Participou tamén en 21 proxectos de investigación nos ámbitos autonómico, nacional (en España e Canadá) e europeo.

Ademais da súa excelencia investigadora, nos últimos anos levou a cabo numerosas tarefas de xestión e liderado. Desde comezos de 2024 é chair do Comité Técnico de Dinámica Multicorpo da International Federation for the Theory of Machines and Mechanisms (IFToMM). É tamén secretario do Comité Técnico de Dinámica Multicorpo e Non-lineal da Sociedade Estadounidense de Enxeñeiros Mecánicos (ASME). É editor asociado da revista Mechanics Based Design of Structures and Machines e revisor para 40 revistas científicas e conferencias internacionais. Tamén organizou e presidiu conferencias internacionais, como The International Symposium on Co-Simulation and Solver Coupling in Dynamics (COSIM 2021) e as edicións de 2019 e 2020 do congreso Multibody System and Nonlinear Dynamics and Control (MSNDC) da ASME.

Así mesmo, é destacable o seu compromiso coa difusión e a transferencia de coñecemento. Colaborou coa iniciativa MDA Space Missions, Siemens, Tecnalia e GKN Driveline para a aplicación de técnicas de simulación e xemelgos dixitais na industria, especialmente a automotriz. No marco destas colaboracións impartiu actividades de formación nas empresas colaboradoras e desenvolveu software de simulación para elas.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.