
Investigadores do CITENI apostan pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar os procesos de simulación industrial
Investigadores do CITENI apostan pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar os procesos de simulación industrial
Recrear situacións da vida real no ámbito da industria é posible grazas á simulación industrial. Esta técnica permite analizar procesos de enxeñaría industrial e contribúe á toma de decisións co obxectivo de mellorar o deseño dos sistemas de produción.
A tecnoloxía dos videoxogos está cada vez máis presente neste ámbito: utilízase para desenvolver simuladores avanzados e ferramentas de realidade virtual que posibilitan realizar un adestramento de alta fidelidade para o cadro de persoal, o deseño de produtos e unha prototipaxe rápida.
Javier Pernas e Diego Crespo, investigadores da área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol (CIF) da Universidade da Coruña (UDC), fixeron público o seu último avance neste campo. No artigo «Open-source 3D discrete event simulator based on the game engine Unity», publicado no Journal of Simulation da editorial académica Taylor & Francis Group, apostan pola integración de simuladores de eventos discretos (DES) con motores de videoxogos, como o popular Unity.

TECNOLOXÍA DE VIDEOXOGOS APLICADA Á SIMULACIÓN DE PROCESOS INDUSTRIAIS PARA A INDUSTRIA 4.0
Os simuladores de eventos discretos (DES) representan unha peza fundamental na investigación tecnocientífica e na enxeñaría moderna. Estes modelos computacionais capturan a evolución temporal dos sistemas a que se aplican mediante a simulación de eventos puntuais (discretos) que poden ter impactos complexos no seu comportamento global. Desde a planificación da produción ata a simulación de tráfico, ofrecen unha perspectiva única para facilitar a toma de decisións e a optimización de procesos.
É importante destacarmos que os motores de videoxogos, como Unity, se converteron nunha referencia en ámbitos como o cinema, a fotografía ou a publicidade. A súa incorporación á industria e á fabricación dixital é unha tendencia á alza debido ás funcionalidades que ofrece, como a súa integración con Python, API (Application Programming Interface, en inglés) de bases de datos e protocolos de comunicación, alén de contar cunha activa comunidade de profesionais e recursos.
No seu artigo, Pernas e Crespo presentan un simulador de eventos discretos en linguaxe de programación C# que se integra co motor de desenvolvemento Unity para aproveitar as súas potentes capacidades, entre as que se inclúen o motor físico, a usabilidade, a arquitectura e a compatibilidade con tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada (VR e AR, polas súas siglas en inglés). Esta integración permite desenvolver simulacións de procesos industriais ou loxísticos cunha compoñente visual superior á dos actuais softwares de simulación; e o máis salientable, a custo cero pola gratuidade da licenza de uso de Unity.
APOSTA POLA CIENCIA ABERTA E COLABORATIVA
Ademais, os investigadores compartiron en aberto o código do simulador (é o que se chama un Open Source Code en inglés), xunto con varios proxectos de exemplo que foron utilizados con fins docentes. Calquera persoa pode acceder a este código e, partir del, desenvolver os seus propios proxectos; ou mesmo pode contribuír a melloralo, fomentando, así, a ciencia aberta e a innovación colaborativa.
Os autores do estudo afirman que seguen a traballar na mellora das funcionalidades do simulador, que aínda está nos seus primeiros pasos, coa esperanza de poder empregalo en novos proxectos de investigación e docencia. Coa súa contribución, ofrecen unha perspectiva innovadora para o futuro da enxeñaría industrial e para a simulación de procesos aplicados á industria 4.0.
* Nota: para obter máis detalles sobre esta investigación, é posible consultar o artigo completo no Journal of Simulation e acceder ao código desenvolvido desde GitHub. Velaquí as ligazóns: Velaquí as ligazóns:
Journal of Simulation
https://www.tandfonline.com/doi/full/10.1080/17477778.2024.2314166
GitHub
https://github.com/JaviPernasResearch/TheSimuLeanProject